Boroa “O Clásico Fol”

Abril 28, 2023

Estamos ante o debut do proxecto duns xa coñecidos, pois Sabela Olivares e Suso Bello son parte importante da Companhía do Ruído. Aquí en Boroa a protagonista pasa a ser a música instrumental liderada pola gaita que toca Sabela e que nos mostra que “pode adaptarse a outros estilos e culturas”. Xa que logo, preparémonos para unha viaxe musical ben clara desde os títulos e a maleta do logotipo dun trío completado por Alberto Millán ao baixo.

Coa idea clara de reivindicar a versatilidade da gaita, lévana desde a raíz do noso tradicional a outras culturas: o sur da Península Ibérica, Irlanda, o valse vienés e mesmo hai unha muiñeira cun certo toque a México a través das harmonías. Dado o seu carácter instrumental, trátase de inspirar sensacións de melancolía, ledicia, a morriña dos viaxantes … e o apoio da voz e as palabras só aparece na peza final “Circe na auga”, onde Sabela recita un poema do ribeirense Xabier López Marqués. Ademais desta colaboración lírica, contan coas instrumentais de Javier A. Gómez na percusión, Fernando Pérez no “Pasodobre Jalocho” e o saxo de Xosé Miguélez en “Mariña”, do mellor do disco.

Broa pon a gaita nun primeiro e amplo plano, como apunta o mesmo Xabier: “sacala dese campo reducionista foi tarefa de moitos intérpretes. Axeitala a outros ritmos, tamén. Devolverlle, xa que logo, unha relevancia que semellaba perdida…” Trátase dun proxecto cunha pretensión clara e feito desde as composicións propias, a modestia, o compromiso e un cariño que se pode apoiar adquiríndoo nun formato bonito en pendrive.

Pepe Cunha 28-abril-2023

No seu bandcamp podes escoitar o disco

repertorio
Alalandalus
Antares
Naos
Sevilla
Albireo
Iske Baja
Mariña
Pasodobre Jalocho
Circe na auga

AXENDA