Blueskank

Xaneiro 27, 2012

Os Blueskank por primeira vez en Galicia

Os madrileños presentan o seu primeiro disco “Taking Off” en Baiona, Vigo e Bueu o 27, 28 e 29 de xaneiro. Fusión de blues, funk, soul pero sobre todo moito reggae roots, que os converteu nunha das bandas máis prometedoras do reggae nacional.

Taking Off é o seu primeiro disco, pero levan cinco anos somerxéndose nos ritmos xamaicanos e fusionándoos con estilos moi variados que van desde o blues, pasando polas músicas africanas até o funk ou soul. Unha aposta chea de personalidade que poderemos coñecer esta fin de semana en Baiona, Vigo e Bueu grazas á Asociación Minho Reggae.

Como xa deixa entrever o seu propio nome, estes seis músicos son uns “bluseros” metidos ao reggae. Comezaban en 2007 tocando nos bares de Madrid e nos últimos tres anos publicaron un ep, Landing e un single Peace on you. Agora presentan once novos temas, que recollen baixo o título de Taking Off, un traballo autoproducido a través do selo Producciones Psicotrónicas, á venda dende o 4 de xuño de 2011, baixo licenza Creative Commons.

O primeiro concerto será o venres 27 ás 22.00 horas na sala Marrucho en Baiona, ao día seguinte, o sábado, estarán en Vigo, na sala Iguana a partir da media noite, e pecharán esta xira, que organiza a Asociación Minho Reggae polas Rías Baixas, o domingo en Bueu, ás 21.00 horas, na sala Aturuxo. O custe da entrada é de cinco euros e poden mercarse por adiantado en www.laboleteria.com.

AXENDA

22:00 h.
sala Marrucho en Baiona
5 €