baiuca “solpor”

Abril 30, 2018

Arredor do 2012 comezamos oír falar dun tal Álex Casanova que facía pop electrónico. Baixo ese nome presentou o disco “Antagonasia” (Crispis, 2014), tras ser mellor maqueta para Mondosonoro Galicia e acadar o segundo premio do MusicaXove12. Agora reencontrámonos co noso protagonista Alejandro Guillán Castaño que non abandona a electrónica pero que pasa de nomes coma Tino Casal, Objetivo Birmania, Pet Shop Boys … á música tradicional galega e Mercedes Peón, Budiño, Caxade, Carlos Núñez, Afro-Celt Sound System …

En tempos de auxe dos ritmos étnicos ou world-music (anos 80-90), os proxectos de mesturar ritmos tradicionais e electrónica eran frecuentes, pero levabamos tempo sen recibir un artista galego novo movéndose nestes parámetros. As composicións tradicionais –“Muíño”, “Solaina”, Muiñeira”, “Arrieiro” e “Mozas”- comparten espazo coas composicións propias -“Solpor”, “Brétema”, “Arume” ou “Morriña”-. Caixas de ritmos, beats, sintetizadores, bases electrónicas, efectos de voz ou as frautas do propio Álex conviven mesturadas co son de cunchas, pandeiretas, gaitas, gravacións de campo e as colaboracións da Asociación Cultural Xirandela, Xisco Feijoó (voz en “Arrieiro”) ou Verónica Núñez (voces en “Solaina”). Ademais, aquí hai traballo e coidado: mesturado por SVPER (aliado en producións de El Guincho, Soleá Morente, La Bien Querida, Joe Crepúsculo) e masterizado en Irlanda por Stephen Quinn.

Mesturar a música tradicional galega coa electrónica de vangarda non é novo e de seguro que os nomes citados son referentes que este catoirense emigrado a Madrid tivo en conta e recoñece. Se falamos do resultado das cancións e o álbum en conxunto, “Solpor” (Raso, 2018) é un traballo de notábel alto, honesto, moderno e que se agradece na nosa escena. En canto te descoidas, xa estás a bailar e “perdoas” que aparece a sempiterna “Muiñeira de Chantada”. Probade “Muíño”, “Arrieiro”, “Brétema” ou “Morriña” no seu bandcamp e a ver se coincidimos.

Pepe Cunha, 30-abril-2018

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook