nota:
O Festival Revenidas, que ateigará Vilaxoan de música, festivaleiros e festivaleiras entre os días 19 e 20 de agosto, suma ao seu cartel aos internacionais Skindred, caracterizados polos seus imposibles riffs de metal que colisionan co seu hip hop, o reggae e a electrónica de vangarda; e aos húngaros Bohemian Betyars coa súa atractiva combinación de punk, ska, e os elementos máis característicos da música popular xitana e balcánica. Ambas bandas chegarán ao Revenidas despois de viaxar por medio mundo para ofrecer estes dous únicos e exclusivos concertos en Galicia, enmarcados dentro dos pouquísimos que ofrecerán en España ao longo deste 2017.
Incorpóranse deste xeito Skindred e Bohemian Betyars a un cartel que conta xa cos seguintes grupos, anunciados anteriormente pola organización: La Pegatina, Riot Propaganda, Esne Beltza, Vendetta, Terbutalina, Dakidarria, Desakato, Txarango, Auxili, Sara Hebe, Voodoo, Doen, Zapa! e SonDaRúa.
Skindred aglutina influencias do nu metal, o punk e o reggae, definindo o seu estilo como “ragga metal”. A banda de Newport, que celebrará o próximo ano o décimo aniversario do nacemento da formación, combina todo tipo de elementos musicais sendo capaces de unir a persoas de todos os rincóns do mundo e de facer que caa unha delas se desgarre ata o final na pista de baile. Deste xeito conseguen cumplir unha das súas máximas: que todo o mundo se mova mentres canta sobre temas universais e difunde unha mensaxe de acción positiva e unidade social.
Segundo a propia banda, os grupos que máis influíron neles son Specials, The Police e Clash, e por iso se autodenominan como “os netos desas grandes bandas británicas”, coa diferencia de que, que en lugar de mesturar o ska e o rock, utilizan ritmos do Raggamuffin xamaicano xunto a metal punk da escena heavy. Abride os oídos e preparade os pés para bailar porque, tras conquistar numerosos países arredor do mundo, Skindred aterriza no Revenidas.
Os húngaros Bohemian Betyars son unha das bandas máis tolas do seu país. Para obter os seus extraordinarios sons mesturan o violín e o pasado folclórico do baixista co estilo do resto da banda, á que agregaron o dinamismo do punk e o ska condimentados coas melodías da conca dos Cárpatos.
Antes puidestes velos en festivais coma o Viña Rock (España), Boomtown Fair (Gran Bretaña), Rockfest (Eslovaquia), Festivaloche (Francia), Lowlands (Países Baixos)… e o próximo mes de agosto no Revenidas para contaxiar a todo o público co seu característico bo humor e corpo de festa.
A falta de máis bandas e sorpresas aínda por desvelar, os interesados e interesadas poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 35€ a través da páxina web www.revenidas.com.
Dende a organización destacan, un ano máis, a ambiciosa programación musical e de actividades paralelas desta edición, que dotan ao Festival dun carácter familiar na súa programacióin de día e apta para todos os públicos. “O esforzo de por en marcha un festival que atrae a miles de visitantes non sería posible sen o apoio do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Axencia Galega de Industrias Culturais e a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra que nos incluíu na marca Festivais Rias Baixas así como as entidades privadas e asociacións que nos axudan a mantelo máis vivo ca nunca”, afirman os organizadores do #Revenidas17.