“a Filispina Tolea!!!”, maratón radiofónica de 10 horas ao vivo polos 10 anos de emisións de Rádio FilispiM. Sábado 13 de xuño

Xuño 12, 2015

Continúan os actos en conmemoración do 10º aniversario das emisións da Rádio FilispiM, 93.9 FM, coa maratón radiofónica “A Filispina Tolea!!!”

O sábado 13 de xuño, dende as 11 da mañá até as 9 da noite, emitiranse 10 horas ao vivo para celebrar os 10 anos de emisións da radio libre e comunitaria de Trasancos que emite dende Ferrol.

Nesta festa da radio libre haberá músicas en directo, humor, lembranzas, mestura de programas actuais e regreso de voces que foron parte destes 10 anos de radio libre e comunitaria. Serán 10 horas continuadas coas voces do presente, do pasado e do futuro… as voces da túa comunidade!

O Colectivo Opaíí! invita a sintonizar o 93.9 da FM, o streaming en http://opaii.blogspot.com e a participar a traves do teléfono directo 981.371040. Porque a xente conta!

Lembra: este sábado 13 de xuño entre as 11 da mañá e as 9 da noite… “A Filispina Tolea!!!”. 10 horas de radio ao vivo, 10 anos de vida.

Sobre Radio FilispiM

Rádio FilispiM comezou a emitir no 2005 desde o Ateneo Ferrolán, onde habilitaron un pequeno espazo sen uso. Coas obras no Ateneo houbo que moverse e en setembro de 2010 o estudio trasladouse a un local na traseira do mercado de Caranza, desde onde segue a gravar e emitir. Con respecto do seu emplazamento, o Colectivo Opaíií! espera que desde o Concello se atenda a súa petición de contar cun local mellor acondicionado tanto para facer o seu labor como para chegar a máis xente desde o 93,9 da FM.

Na grella actual, Rádio FilispiM ten 16 programas de produción propia e confecciona tamén notas informativas a través dos grupos de traballo que se argallan nas súas asembleas periódicas. En contacto con outras radios do terceiro sector, ao servizo da comunidade, varios programas producidos en Filispim son emitidos noutras emisoras galegas e estatais e viceversa.

Este ano cúmprense 10 anos de emisións e, tras o ciclo audiovisual sobre a radio do mes de marzo e o festival “Conspirando por unha radio libre” en abril, chegan agora en xuño esta maratón “A Filispina Tolea”, con 10 horas continuadas de emisión ao vivo, e a sesión vermú habitual de cada fin de temporada.

A grella de Rádio FilispiM ofrece programas variados, abertos á participación e comprometidos con problemáticas e sensibilidades varias: cultura (música, lingua …), medio ambiente, inmigración, contracultura, feminismo, asociacionismo … Os colectivos e persoas interesadas en participar deben poñerse en contacto co colectivo no filispina@gmail.com para se informar do proceso. Deste xeito, a emisora enriquécese coas achegas que se foron producindo nestes 10 anos e que seguirán no futuro.

Coa autoxestión por bandeira, Opaíi-Rádio FilispiM afronta os seus investimentos en melloras técnicas coas cotas de 30 soci@s (individuais e colectivos) sumadas ás requeridas para facer programa. Máis puntualmente, a venda de merchandising e os donativos nas sesións vermú e festival contibúen ao mantemento da emisora.

Emiten pola Internet en streaming dispoñible no seu blog:

AXENDA