magritte “vendaval”

Novembro 03, 2010

Desde Ourense regresa o incansable José Lameiras coa evolución do seu proxecto El Pararrayos. Agora rebautizado coma Magritte, incorpora nada menos que dous actores de teatro como Nate Borrajo (voz) e Josito Porto (baixo e acompañando na voz), Lameiras asume a batería e nas guitarras mantéñense Xurxo Labrador e Suso Dopazo. Outro cambio supón a viaxe de Xingreira-Estudio a Friol para gravar nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero, quen apoia nos teclados. Alí rexistraron nuns días de primavera estas seis cancións (+ unha peza de agasallo) que presentan agora coma EP. Os resistentes da banda encárganse da enerxía de dúas guitarras e a percusión, traballando sobre unhas melodías que procuran soar clásicas e sinxelas, directas. Ademais, as novas incorporacións achegan novos aires á formación e, en ocasións, unha excesiva teatralidade na interpretación que talvez se valore máis no directo. Os dous primeiros cortes, “Enerxía equivocada” e “Varsovia” -onde colabora na voz Eladio Santos (Elodio y los seres queridos)- coquetean coa new-wave na versión máis hedonista e na máis escura respectivamente. Deste xeito, apúntase a liña dun álbum bastante equilibrado entre as doses de experimentación e distorsión de “Vida dun escapista” ou a inmediatez de “Definarea” e a despreocupada “Esta canción non di nada”. Tras o último corte, atopamos unha dose final de intimismo e recollemento en “Vento”, con Nate susurrando sobre as cordas. Un debut que amosa un bo abano de opcións e ideas sobre as que construír cancións e a esperanza de que The Homens deixen de estar tan sós no pop en galego.
Pepe Cunha 2-novembro-2010

Facebook

9 hours ago

Ábrete de orellas
O SONORO MAXÍN, banda referente da Galicia tropical con mensaxe, volve cun EP titulado como a canción que o abre e desde xa un dos versos dos ano: “A primavera ten que ser nosa”. Culturactiva S. Coop. Galegaabretedeorellas.com/o-sonoro-maxin-a-primavera-ten-que-ser-nosa/ ... See MoreSee Less
Ver en Facebook