Uxía & Ruibal “De tu casa a la mía”

Marzo 30, 2022

A propia Uxía presenta unha “aposta decidida pola poesía e a música en tempos de escuridade!” e, no texto que escribiu para a edición física, o poeta Luis García Montero fala de tres encontros: “el hermanamiento feliz entre Rosalía de Castro y Federico García Lorca”, “la vieja hermandad de la poesía y la canción” e o de “dos cantantes que admiro: Uxía y Ruibal.” E servidor engadiría nesta introdución as sonoridades que conseguen canda o trío de instrumentistas que os acompañan: Sérgio Tannus, Marcos Teira e Javi Ruibal. Iso si, todo xirando en torno á admiración e a complicidade entre Uxía e Ruibal, claves para un traballo elegante e cálido que suma en cadansúas traxectorias, onde non faltan poemas feitos cancións e que aquí regravan: “Romance de la luna, luna”, “Por tu amor me duele el aire” e “Falares de amor”.

Ademais destas xa coñecidas, recibimos unha composición ex profeso para abrir e titular o álbum, un poema inédito de Rosalía (“O corazón na man”) ou unha música do guitarrista Teira: “Danza da lúa en Santiago” contén os versos dun dos “Seis poemas galegos” de Lorca e disque foi a semente primixenia do proxecto. Mais estes citados non son os únicos momentos a celebrar, pois aí está a actitude de Ruibal cantando en galego, o deseño físico do álbum de Pablo Pastor, os dúos vocais como o de “Érguete, miña amiga”, a combinación de versos de Lorca e Rosalía en “Morenita”, a nova vida que cobra “Chove en Santiago” ou ese dúo final da guitarra eléctrica de Teira coa voz de Ruibal en “Sólo tu corazón caliente”. Como era previsible, as cancións móvense por sonoridades flamencas, do magreb, músicas galegas e lusófonas … porque os partícipes son amantes destas fusións e se atopan cómodos.

En resumo, “De tu casa a la mía” non sorprende musicalmente pero ten un acabado impecábel. Transmite a implicación humana e artística, o cara a cara, a coincidencia dunhas visións comprometidas e renovadoras na tradición popular, unha canción de autor que foxe de artificios que non casan cos protagonistas. Deste xeito, a presentación ao vivo ten o mesmo carácter sobrio, pero non carente de brillo, de interpretacións case espidas, con dúas voces protagonistas a se combinar e empastar sen fendas, cun acompañamento acústico ou orgánico onde as cordas e as percusións soan suaves e precisas. Degustémolo, que canto máis difíciles e escuros son os tempos, máis razón para buscar conforto na poesía e a luz, nas emocións e a unión entre culturas e pobos, que somos máis parecidos e próximos do que parece.

Pepe Cunha, 30-marzo-22

repertorio:

1.De tu casa a la mía (Javier Ruibal)
2.Ahí va la loca soñando (Rosalía de Castro – Javier Ruibal)
3.Danza da lúa en Santiago (Federico García Lorca – Marcos Teira)
4.Chove en Santiago (Federico García Lorca – Javier Ruibal)
5.Morenita (Federico García Lorca – Rosalía de Castro – Uxía Senlle)
6.Érguete, miña amiga (Federico García Lorca – Uxía Senlle)
7.Por tu amor me duele el aire (Federico García Lorca – Javier Ruibal)
8.Rosa de cen follas (Rosalía de Castro – Uxía Senlle)
9.Ay, ruada (Federico García Lorca – Javier Ruibal)
10.O corazón na man (Rosalía de Castro – Uxía Senlle)
11.Romance de la Luna, Luna (Federico García Lorca – Javier Ruibal)
12.Falares de amor (Rosalía de Castro – Uxía Senlle)
13.Solo tu corazón caliente (Federico García Lorca – Uxía Senlle)

AXENDA