Todo o país e máis de 30 artistas celebran en Compostela o legado artístico de Fran Pérez, Narf

Agosto 29, 2017

nota.

Neste espectáculo especial, titulado “Camiñar sen fin. Concerto para Narf” participarán máis de 30 músicos de varios países, como Timbila Muzimba, Pepe Sendón, Marcos Teira, Carlos Santiago, Jabier Muguruza, Xelís de Toro, Uxía e Quico Cadaval, entre moitos outros

O seu país e a súa cidade celebrarán o legado musical e artístico de Fran Pérez, Narf, nun concerto que terá lugar mércores 30 de agosto a partir das 21 horas na Praza da Quintana (ou no Auditorio de Galicia en caso de choiva) e no que participarán máis de trinta artistas de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e, por suposto, Galicia.

Na noite de mañá só se tocarán músicas de Fran. A súa música será a protagonista exclusiva. Fuxiremos das ideas homenaxe/tributo/lembranza e abrazaremos as ideas celebración/concerto/encontro/festa. Este concerto quere ser unha panorámica da súa extensa produción musical en distintas épocas e ámbitos. Contamos para iso coas amigas, amigos e colaboradores/as, que compartiron a vida musical de Fran, tanto no plano local como no internacional, con artistas chegados de Mozambique, Portugal, Euskadi e Inglaterra.

Coas cancións de Narf como punto de encontro para os seus amigos, compañeiros e colaboradores ao longo da súa vida, celebraremos especialmente, na que foi a súa cidade, unha noite de festa, agradecemento e lembranza de quen sempre estará connosco.

O concerto, que está dirixido musicalmente por Marcos Teira, terá unha banda base e logo os convidados e convidadas irán interpretando temas do músico compostelán. Entre os artistas participantes poderemos ver a Timbila Muzimba, a banda mozambicana coa que compartiu o seu último proxecto; Carlos Santiago e Pepe Sendón, compañeiros na Psicofónica de Conxo e en Nicho Varullo; Uxía, con quen publicou o disco “As baladas da Galiza imaxinaria”; o vasco Jabier Muguruza, parceiro no proxecto “Mundo café”, e moitos outros como Xabier Olite, Guadi Galego, Espiño, Jim Sanders, e outros.

Tamén haberá presenza destacada do mundo do teatro galego, con Manolo Cortés, de Chévere, compañía da que formou parte nos seus primeiros tempos; As Marías (María Bouzas e María Pujalte); Mofa e Befa; e Quico Cadaval.

O ESPECTÁCULO
Dirección artística e musical: Marcos Teira
Banda base: Marcos Teira, Jose Manuel Díaz, LAR Legido, Suso Alonso e Mon Orencio.

Músicos e artistas participantes: Timbila Muzimba, Xelís de Toro, Jim Sanders, Ze Rui, Coro Encaixe, Mofa e Befa, Manolo Cortés (Chévere), As Marias (Maria Bouzas e Maria Pujalte), Carlos Santiago, Pepe Sendón, Quico Cadaval, Uxía, Jabier Muguruza, Alfonso Espiño, Pilo Sierra, Guadi Galego, Xabier Olite, Javier Abraldes, Pista 4, Manuel Paino, Piti Sanz, Ton Risco e Fran Sanz, entre outros.

O espectáculo está organizado pola asociación Cidade Vella e o Festival Feito a Man, xunto coa Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, co apoio de AGADIC.

Fran Pérez, Narf
Cidade incompleta, faro errante, Santiago. Para nós, e somos moitas e moitos, a cidade séntese hoxe de certo incompleta sen a persoal luz de Fran Pérez, Narf. Fóisenos un dos máis prezados tesouros da nosa memoria vital e artística nesta cidade. Sen el, a nosa vida aquí tería sido outra cousa.

Abriu camiños desde mozo no rock local, cando a música xuvenil ao vivo aínda era unha sorpresa nesta cidade. Abriu camiños na integración significativa da música nas artes escénicas e nas sinerxias que alimentaron o fenómeno das salas alternativas autoxestionadas. Abriu camiños inéditos para quen quere facer da música profesión desde a independencia e a integridade. Abriu camiños para a conformación da escena musical local como hoxe a coñecemos e abriunos tamén cara o exterior, propiciando encontros inauditos coa música do mundo, encetando vieiros inexplorados. E todo cunha personalidade única de irrenunciable orixinalidade.

As pontes que tendeu no mundo musical son agora motivo de aprezo e celebración. As homenaxes sucédense, a súa pegada lémbrase e hónrase nos lugares máis insospeitados. Por iso, a pesar da mágoa que iso supón, vai sendo hora de que esta cidade tamén o honre e o celebre.

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook