The Sadies, lección de rock na MardiGras, 17-marzo-2012

Marzo 19, 2012

O Heineken Music Selector traía á Coruña unha banda canadiana aínda máis coñecida polos súas colaboracións que polos traballos en solitario. Liderados polos irmáns Dallas e Travis Good nas guitarras e con base rítmica de contrabaixo e batería, acompañaron entre outros a Neko Case, gravaron con Jon Langforde (Mekons), o ex-X John Doe ou a lenda do rhythm and blues Andre Williams. Se a isto sumamos influencias do country tradicional, o rock de garaxe ou a música surf e un par de gravacións co produtor Steve Albini, temos practicamente todos os ingredientes para entender a receita do seu concerto na Mardi Gras.

Tras a lección de versatilidade rock ofrecida polos canadianos, o público que encheu a sala pode considerarse elixido. Son tempos difíciles para encher salas máis grandes, pero os de Toronto mereceríano. Dominan os seus instrumentos sen caeren nos excesos de moitos virtuosos. As cancións son as que mandan e eles téñeno ben claro, sexan folk rock (como me lembraron aos Byrds!), intensos e breves instrumentais de corte surf, rockabilly, country, bluegrass… O repaso foi notable. Até o balbordo garaxe-kraut que se marcaron nos bises e que para moitos sobrou !

Nunha hora de concerto xa conseguiran a aprobación unanimidade da audiencia. Estiveran impecables mesmo cando tiraron do violín máis acelerado nun par de pezas que semellaban chiscar un ollo á data (San Patricio, patrón de Irlanda). Porén, quedáballes por sacar a relucir (aínda que aquelo era máis balbordo e nubieiro) a súa vertente máis agresiva e ruidosa: unha sucesión de guitarras rabiosas, distorsión e feedback na que recoñecimos anacos de “Teenage Head”, “I Can Only Give You Everything” ou “Baby, Please Don’t Go”.

Algúns concertos gardan as súas mellores bazas para o final e así deixar un bo sabor de boca. O dos Sadies foi tan bo que ese final quedará como anecdótico pero, en certo modo, necesario para amosar o moito que esta banda leva dentro: a tradicion do rock, elegancia e calidade a esgalla.

Ppee Cunha, 19-marzo-2012

AXENDA

Facebook