The James Hunter Six, o bo sabor do clásico na Sala Capitol, 15-feb-2015

Febreiro 20, 2015

O vocalista e guitarrista James Hunter volvía a Compostela co seu sexteto, sen novo disco baixo o brazo pero si como seguro de concerto impecable. A do inglés viña coa vitola de ser unha das propostas de corte clásico ou vintage máis gozosas da actualidade, sobor de todo se falamos de soul e rhythm and blues. A media de idade do público asistente falaba dun público que non quería sorpresas senón confirmacións e que a última hora completou unha media entrada.

Xa The Limboos, encargados de comezar quencer a velada, nos trasladaron aos anos 50 e primeiros 60, a do rhythym and blues, rock and roll e soul primixenios. A súa posta en escea e solvencia interpretativa foron do máis acaída e convenceron a propios e estranos. Tras eles e con puntualidade, apareceu a naturalidade de James Hunter e a súa banda. Non van de nada, amosan cero de parafernalia, presentan as cartas dun guitarrista notable e voz primorosa, entre Sam Cooke e Joe Cocker pero sen florituras nin excesos, uns músicos competentes e compenetrados e o ingrediente máis básico: cancións efectivas e ben executadas.

O repertorio foi probablemente moi semellante á da visita anterior, con protagonismo especial do último até o momento: “Minute by Minute” (2013) pero con paradas obrigadas noutros álbumes previos a este sexteto. Aparte de cebos irresistibles coma “She”s Got a Way”, “Chicken Switch”, “Minute by Minute”, “No Smoke Without Fire”, “Talkin” Bout My Love” … ou a versión da “Baby Don”t Do It” de The 5 Royales, cómpre salientar ese momentos no que o ritmo se pausa (a balada “Heartbreak” ou as xamaicanas “Let the Monkey Ride” ou “Carina”) que non contaron con toda a complicidade do público. Xa se sabe do costume estendido de falar irrespetuosamente nestes momentos.

Unha desas noites que servidor lembrará por esquecer choiva e frío para obter a recompensa dun concerto cálido, de sorriso e movemento comedido pero perenne.

Pepe Cunha, 20-febreiro-2015

AXENDA

Facebook