Tanxugueiras e Fillas de Cassandra finalistas en catro categorías dos Premios MIN da Música Independente

Marzo 21, 2024

Os Premios MIN da Música Independente, os galardóns que recoñecen a creación artística, diversidade cultural, o novo talento e a calidade das producións publicadas polas Pemes da industria española, desvelaron hoxe os finalistas da súa próxima edición, a número dezaseis, que terá lugar o próximo 17 de abril en Zaragoza. Organizados pola Unión Fonográfica Independente (UFI), neste ano Tanxugueiras e Fillas de Cassandra teñen unha presenza ben relevante con cadansúas catro candidaturas.

Na pasada edición, Tanxugueiras fixéronse cos premios correspondentes a “Mellor álbum en galego” e “Mellor álbum de música de raíz” por “Diluvio” e neste 2024 pasaron á fase final de catro categorías:

– Canción do ano: “Hoxe, Mañá e Sempre” con Valeria Castro
– Mellor videoclip: “Aire”. Directores: Trece Amarillo (Diego M. Barcia, Diego Santaclara).
– Mellor produción musical: “Hoxe, Mañá e sempre”. Produtores: Valeria Castro, Tanxugueiras, Iago Pico (Pouland Studios)
– Mellor letra orixinal: “As que tiñan que estar” con Juancho Marqués

Por primeira vez Fillas de Cassandra, o dúo vigués conformado por María SOA e Sara Faro, son finalistas tamén en catro categorías grazas ao seu álbum debut “Acrópole”:

– Mellor álbum en galego por “Acrópole”
– Mellor álbum de música de raíz por “Acrópole”
– Mellor artista emerxente
– Mellor videoclip por “II. Lisístrata (Varre vasoira)”

“Estamos moi contentas por todas as alegrías que nos está a dar Acrópole, pero moi especialmente por poder ver, nuns premios tan coñecidos, a tantas compañeiras finalistas, tanto nestas coma noutras categorías. Tanxugueiras, Caamaño & Ameixeiras, Bala, Baiuca, The Rapants, Grande Amore… Isto dá boa conta de todo o potencial e da boa saúde que goza a creación musical en galego”, sinalan.

 

AXENDA