Rufus Wainwright & Band abraiantes no Pazo da Ópera da Coruña, 6-xuño-2012

Xuño 06, 2012

A terceira visita a Galicia do canadiano Rufus Wainwright tiña a novidade do acompañamento de banda. Xa convencera coa súa incuestionable calidade vocal e compositiva á guitarra acústica e o piano, pero nesta xira está a presentar o traballo máis “mainstream” ou convencional da súa carreira: “Out of the Game”. Porén, un artista tan exquisito e detallista non podía limitarse a reclutar guitarra eléctrica, sección rítmica e pouco máis para este seu momento máis pop. Así, no Pazo da Ópera da Coruña había que agardar algo máis que unha banda do montón cun espectacular vocalista. Quen case enchemos o auditorio probablemente recibimos máis do que esperabamos e gardarémolo na memoria por moito tempo como toda unha lección de clase e elegancia, desas que poucas veces se ven nun concerto de pop.

Coa pulcra dirección musical do baixista, Rufus Wainwright acompáñase nesta xira de 8 músicos que, concerto tras concerto, se cinguen ao guión. Non eclipsan a estrela pero tampouco deixan de brillar fronte os ouvidos e mentes máis atentas. Aquí non é necesario subir a guitarra eléctrica, o piano ou o saxo para un solo, pois a calidade interpretativa e o detalle xa se aprecia e son as voces, varias e fantásticas, quen marcan ese tope do que non pasar. E a capella comezou o concerto, co auditorio a escuras e cirios no escenario, para facerse coa audiencia desde o principio. Arrincaba así un primeiro bloque de cancións de “Out of the Game”, cunha banda elegante e impecable na que até o asistente de escenario ía de traxe. Iso si, os músicos moi contidos, nada que ver coa soltura ou inmediatez máis habitual nunha banda de pop ou rock. Quen sempre amosaba un sorriso era o protagonista, que presentaba as cancións con naturalidade, como “Song of You”, adicada ao seu prometido, co que casará en agosto, e aproveitando para felicitar a España por ir diante nos dereitos dos homosexuais.

O púbico respondía con toal silencio e recoñecía con sentidos aplausos pero xa tocaba mirar atrás no repertorio. Así foron tan ben recibidas “Greek Song”, “April Fools” e “The One You Love”, que sonaron magníficas con esta formación. Até aquí un guión predecible, pero chegaba unha das gratas sorpresas da noite. Rufus e o resto da banda marchaban e deixábannos co teclista e co loiro guitarrista e vocalista (nada menos queTeddy Thompson, si, o fillo de Richard e Linda Thompson) regalando “Saratoga Summer Song”. Como ocorreu deseguido cunha das rapazas nos coros, Krystle Warren e “I Don”t Know”, unhas interpretacións marabillosas e sorprendentes, especialmente para quen aínda non se dera de conta do nivel vocal que non se limitaba á estrela.

Tras a gratísima sorpresa, un segundo feixe de pezas de “Out of the Game”, entre as que salientar “Sometimes You Need” e “Perfect Man”, coa banda adaptándose a formatos máis ou menos sofisticados e Rufus no piano, a acústica ou “só” na súa sempre correcta voz. Mais non só a súa, pois chegaba outro dos momentos da noite. Teddy Thompson, a outra voz feminina, Charysse Blackman, e o propio Rufus versionando o “One Man Guy” do pai deste. Probablemente o momento máis recoñecido con aplausos se esquecemos os bises. Até estes, recuperarían “Going to a Town”, presenta unha “Montauk” adicada á súa filla e pecha co baile, comedido, claro está, de “14th Street”.

Xa pasara hora e media e quedaban os bises, que comezaron ao piano con “The Art Teacher” e a lembranza á súa nai Kate McGarrigle con “On My Way to Town”. Coma guinda volven os músicos para o momento de baile co público acompañando ás palmas “Bitter Tears” e a banda que se vai desfacendo peza a peza. Impecable. Ante tal éxito, cumpría un segundo par de bises e de novo só ao piano regalou “Cigarettes & Chocolate Milk” e “Poses”. Que se pode dicir cando todo está no seu sitio? Celebralo e recoñecelo.

Pepe Cunha, 8-xuño-2012

a continuación, o setlist e máis fotos no facebook.

Candles
Rashida
Barbara
Welcome to the Ball
Song of You
Greek Song
April Fools
The One You Love
Saratoga Summer Song
I Don”t Know
Respectable Dive
Out of the Game
Jericho
Sometimes You Need
Perfect Man
One Man Guy
Going to a Town
Montauk
14th Street
——
The Art Teacher
On my Way to Town
Bitter Tears
——-
Cigarettes & Chocolate Milk
Poses

AXENDA

Facebook