Rubén Reinaldo “Fusión olívica”

Setembro 03, 2025

Coñecimos discograficamente Rubén Reinaldo co disco Acuarel (2020), no que facía dúo co tamén guitarrista Kely García. Un lustro despois chega este primeiro traballo baixo o seu nome e repite no selo fundado por Paco Charlín: «Free Code Jazz records». Gravado co enxeñeiro Diego Bea Besada en directo en formación de cuarteto (con Gustavo Hernán ao contrabaixo, Antonio López «Monano» no órgano Hammond e David Failde á batería), o disco amósase en principio irmán, herdeiro ou continuador da liña conceptual daquel álbum. Daquela a inspiración viña da auga da nosa terra e agora en “Fusión Olívica” agroma do olivo e de lugares e sons que marcaron o autor. Ademais, dá un paso adiante na edición física xa coidada en “Acuarel” pois a tarxeta con códigos de descarga dos audios e libro oficial de partituras en formato PDF, a información sobre as composiciones, a biografía e as fotografías agora acompañan un vinilo con funda protectora gatefold e deseño de Pablo Villaverde.

O nome de “fusión” no título non resulta gratuito, pois a constatamos desde o primeiro destes oito cortes instrumentais. “Escuchas, Teis Blues” é un latin blues menor -para cada peza Reinaldo agasalla cun texto descriptivo-, que reitera unha melodía directa coa enerxía e vitalidade que irá caracterizando os 35 minutos do disco. “A Vigo con mis cinco”, que tameń comparte alegría e o carácter improvisador xeral, está vencellada ao Musikenza, o centro especializado de música moderna en Vigo. “Vida en Padrenda” tira a un funk contido, un chisco máis íntimo. En Tres Islas Cíesatopamos un compás ternario que invita ao baile sen estridencias. “Latino Ribas de Sil” tamén avanza no título por onde vai a cousa: fusión con ritmos latinos. Iso si, ao xeito da guitarra dun Reinaldo que leva o ritmo e, como apreciamos ao longo do disco, deixa aire ao cuarteto para que soe compacto e os instrumentistas acheguen acompañamento ou solos con brillantez; neste caso Antonio López, cun órgano hammond a salientar como unha das singularidades musicais do disco. “Nubossa Bahía” incide no título orientador: bossa nova plácida e intimista para unha néboa inspiradora desde a Ponte de Rande. “Café y Cristina”, a peza máis breve, rica en improvisacións, espontánea e dinámica do disco vai para a persoa que ama. Finalmente, un feche á altura: “Ritmo sobre Victoria» é unha sorte de neo-soul co seu groove dedicada á avoa materna.

“Fusión olívica” contaxia enerxía positiva, reborda elegancia, ten o brillo dun swing suave e sólido, fusiónase con xeito cara ao free jazz, blues, ritmos latinos, funk … Os ouvidos máis jazzeiros gozarán do traballo individual e conxunto dos instrumentistas e os curiosos regresarán a un disco que se escoita con gusto de principio a fin porque é música de calidade sen deixar de ser accesíbel, ese gran reto. Contaxiado pola calor do momento, non se me ocorre unha música mellor acaída para despedir o verán ou nos aferrar á súa luz nutritiva. Se che gustou “Acuarel”, aquí gozarás dun paso adiante deste músico e profesor. Por certo, a gravación foi acompañada de varios vídeos das sesións, unha presentación á altura da física.

Pepe Cunha, 3-setembro-2025

rubenreinaldo.blogspot.com , en instagram @rubenreinaldovigo , https://rubenreinaldo.bandcamp.com/album/fusi-n-ol-vica

Facebook

1 week ago

Ábrete de orellas
Mentres andamos a retraballar nunha cousa ben estimulante e necesaria, recuperamos traballos que non pasaron por Ábrete de Orellas ou o fixeron moi por riba."Memoria nova" é o último de Pantis @https://www.instagram.com/ulopantis/pantis.bandcamp.com/album/memoria-nova10 track album ... See MoreSee Less
Ver en Facebook