Cando pensamos nos grandes nomes da música galega esquécensenos aqueles de quen en ciclismo chamariamos gregarios de luxo. De cando en vez, estes músicos editan traballos baixo o seu nome desde os que expór a súa creatividade musical máis persoal. Por citar dous dos máis salientables, no pop e o rock temos a Pablo Novoa, asociado a nomes como Golpes Bajos, La Marabunta, Los Ronaldos, Mastretta, Josele Santiago ou Iván Ferreiro; e no folque a Pancho Álvarez, integrante de Matto Congrío, Na Lúa ou a banda de Carlos Núñez. Se de Novoa aínda agardamos a continuación de “Novoa cruza el Atlántico”, Álvarez presenta xa o seu cuarto álbum cunha idea semellante: “Sonche atlántico”.
Como apunta o título, a liña do disco ten dous conceptos guía: a identidade do artista e o Oéano Atlántico. Pancho Álvarez toca todos os instrumentos agás as colaboracións puntuais en “Alboradas de O Porriño e Ourense” e “A Cantiga da segada de Miranda”. As influencias musicais comezan na súa Galiza natal e acompáñanse das doutras latitudes atlánticas: América, Irlanda, Bretaña, África ou Portugal. Nun impresionante traballo, coidadísimo estilistica e interpretativamente, o porriñés fai canción de cinco textos de Suso de Toro e un de Antón Reixa e, como peza instrumentais, regala tres propias, dúas tradicionais e revisa ao mestre Xosé Romero Suárez.
“Sonche atlántico” amosa a grande creatividade dun verdadeiro multiinstrumentista e a personalidade dun observador do seu mundo. A súa música é expresión da personalidade, o froito dunha amálgama de experiencias vitais, do máis cotiá ou das viaxes, do traballo ou a contemplación, da tradición e a terra ou a experimentación.