outra gran noite no Outono Códax Festival: Ray Gelato & The Giants, Hannah Williams e The Madmartin Trio, 11-out-14

Outubro 14, 2014

Os parámetros de selección do Outono Códax Festival estaban tamén presentes na velada que pechaba a edición de 2014: un nome estelar, unha aposta ou valor en alza e unha formación do país. En vista da resposta de público, e boa parte da crítica, debemos falar xa dunha cita referente dentro dos festivais que apostan polos estilos de tradición norteamericana.

Abría a velada The Madmartin Trío, nova formación do ex-Doctor Gringo Martin Esturao, que presentou o seu EP autoeditado e tirou de versións, algunha tan obvia como “Mistery Train”. O seu estilo basicamente rockabilly resultou pouco sorprendente e clásico, pero unha execución ben cargada de enerxía agradou para irmos abrindo boca, que era do que se trataba.

As atraccións internacionais chegaron coa formación británica Hannah Williams and the Tastemakers, de músicos novísimos e devota do soul de toda a vida. Soaron sobrios e elegantes ao servizo dunha vocalista de impresionante voz, pura entrega e paixón; en especial nas numerosas pezas máis románticas e lentas, coma “Tell Me Something” ou “Work It Out”. Porén, “Do Whatever Makes You Feel Hot”, “Get It” e versións coma “I”m a Good Woman” (dunha Barbara Lynn que pasou tamén por este festival) e a archicoñecida “Sunny” dotaron á súa actuación dunha dose de funky e baile un chisco escasa para acabar de convencer ao público. En liñas xerais, o concerto que máis gustou da noite axudado polo factor sorpresa.

Deste xeito, non llelo deixaron fácil ás, a priori, estrelas da noite. Non obstante, a solvencia e experiencia musical do vocalista e saxofonista Ray Gelato cos seus “Xigantes” é moita. Reivindican coma poucos as bandas de swing con crooner e/ou entertainer de carismáticas voz e presencia no escenario. Non arriscaron en demasía co repertorio e tiraron de clásicos popularizados por referentes como Cab Calloway, Dean Martin, Louis Prima. Canda “Jumpin” Five”, ”That”s Amore”, “Mambo italiano”, “Tu Vuo” Fa L”Americano” ou “Buona sera signorina” , e aí as composicións propias como “Bar Italia” só poden desmerecer. Porén, satisfaceron as ganas de bo ambiente e baile.

Con esta traxectoria de consolidación constante como mellor aval, podemos agardar con ilusión a edición vindeira do Outono Festival.

Pepe Cunha, 14-outubro-2014

AXENDA

Facebook