Dos cedés do proxecto de música pop Quant xa temos falado neste medio, así como da “maqueta” doutra banda do seu líder Óscar Sabín Fernández que entronca directamente con este libro. Os Skyhooks son unha banda de basket and roll, co baloncesto coma protagonista das súas letras e o contido de “Bailando sobre el parqué” ten coma obxectivo “indagar y profundizar en las innumerables relaciones entre la música, la cultura pop y el deporte del baloncesto”. De feito, o autor espalla versos das letras de Skyhooks deste libro do que vos quero falar porque o pasei moi léndoo e quería compartilo aquí. Non todo van ser discos 😉
Co subtítulo de “El apasionante partido baloncesto vs. música”, Óscar Quant ordena os artigos sobre cada historia dentro da estrutura dun partido de baloncesto: unha rolda de quecemento co prólogo do ex-xogador de elite e melómano Raül López; o salto inicial coa introdución do propio Óscar, xogador federado até case os 30 anos; os catro cuartos onde as historias se distribúen tematicamente; un descanso no medio para visualizar o álbum de fotos; e a merecida prórroga co epílogo de Loquillo, un músico de coñecido pasado baloncestista que abandonou polo rock and roll. Obviamente, a lectura resulta máis atractiva para quen temos afección polos dous mundos e entendemos moitas das sensacións que Óscar comparte. Ter xogado máis ou menos xogado formalmente ou vivido un palco de preto axuda.
Mais non exclúe, porque o valor e mérito do libro radica en que o pasar das páxinas amosa ritmo e contaxia paixón, convertendo o traballo de documentación nunha lectura amena. Calquera que goste das anécdotas ou mesmo as murmuracións ben contadas ha de atopar entretemento nesta publicación da Editoral Milenio dentro da colección Ensayo / Música. Saberemos de xogadores fanáticos de bandas ou coleccionistas, músicos moi afeccionados que frecuentan os pavillóns, xogadores que se atreven a cantar ou tocar, unións curiosas como a de Grateful Dead coa selección de Lituania, videoclips musicais con xogadores, pasado baloncestista de cantantes, esas zapatillas de basket que se fixeron icona da vestimenta pop … Como moi pop son a portada ao Sergeant Peppers de Alberto Amigo e o feixe de fotos curiosas (Prince que malia a súa altura era un xogador estupendo no instituto) e unha listaxe xenerosa de cancións que xustifican que este ferrolán argallara a idea de xuntar dúas paixóns vitais en duascentas páxinas.
Óscar, que non evita confensar debilidades ou reticencias por artistas ou discos, demostra que xa non será todo hip hop e rap cando nos pregunten pola relación música-baloncesto. Con sinceridade, nalgún momento declarase “nervioso e inseguro”, pero este libro é boa proba de que non se lle nota cando ten tempo e recollemento para escribir ou gravar a idea que ten na cabeza. Non me estrañaría que houbese unha continuación dado o material que consultou e de seguro segue a atopar, pero antes agardemos o álbum de cancións dos Skyhooks e (re)escoitemos “Magic”, “NBA”, “Botines”, “Lakers and Celtics”, “I Never Play Basketball Now” … e esa emocionante “El extraterrestre (N.D. 86)” adicada a un ídolo para quen vivimos, como o autor e un servidor, o baloncesto en Ferrol nos anos oitenta.
Pepe Cunha, 12-xullo-2019