Os Resentidos + O Sonoro Maxín + Novedades Carminha

Maio 12, 2012

Logo de 18 anos sen subir xuntos aos escenarios, volven Os Resentidos. O grupo máis influínte do rock en galego regresa ao directo nun concerto
único que se celebrará o 12 de maio ás 21 horas en Ourense. Co título “A Tribo Toda Baila”, o concerto será unha celebración de trinta anos de música feliz, no que a formación viguesa estará acompañada dunha longa lista de convidados e precedida de dous grupos claves na escena musical galega actual: O Sonoro Maxín e Novedades Carminha.

O concerto celebrarase no recinto de Expourense. Ata o 1 de abril as entradas poden adquirirse ao prezo especial de 6 euros máis gastos de distribución a través da web www.osresentidos.com. O concerto está organizado por Fankani Produccións, co patrocinio do Concello de Ourense.

“A Tribo Toda Baila” presentárono hoxe en rolda de prensa a concelleira de Cultura de Ourense, Isabel Pérez, o integrante de Fankani Producións, Xurxo Seara, e os protagonistas do regreso: Antón Reixa, Rubén Losada e Javier Soto. Son tres dos catro membros da formación orixinal, que agora se volven reunir para este concerto. Só falta Alberto Torrado, “que seguro que subirá ao escenario a tocar algún tema”, sinalou Reixa. “Tamén tentaremos convencer a Xavier Devesa”, que xunto a Reixa e Torrado completou a última formación dos Resentidos no 94.

Facebook

21:00 h.
Expourense, Ourense.
10 / 15 €