Omar Souleyman, Bia Ferreira e Aterciopelados entre as primeiras confirmacións da nova edición do festival Maré

Agosto 20, 2026

nota:

O festival Maré reactiva a súa maquinaria en Santiago de Compostela para a VII edición, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro. Serán cinco días de concertos, experiencias e obradoiros nos que confluirán proxectos de raíz que cruzan fronteiras, xéneros e linguas, nun diálogo aberto e intercultural.

Primeiro avance de artistas

O Maré anuncia as primeiras confirmacións de artistas, entre as que xa é patente a súa aposta pola interculturalidade e a escolla coidadosa de espazos que realcen a proposta artística como no caso do Teatro Principal e da Sala Capitol.

O festival dará comezo o mércores 23 de setembro co concerto inaugural de Magalí Sare acompañada polo coro de cámara compostelán Vox Stellae. Unha colaboración única para o Maré, na que presentarán o último disco de Magalí “Descasada Vol.1”, que recolle cancións en 12 linguas sobre a experiencia das mulleres co matrimonio. O mesmo día 23, o mítico grupo Aterciopelados, referente do rock alternativo e do neofolclore colombiano, dará un concerto dentro da súa xira polo 30 aniversario do álbum “La Pipa de la Paz”.

Dende o Brasil, o xoves 24 de setembro a voz revolucionaria de Bia Ferreira ofrecerá unha demostración de reggae, afrobeats e cancións reivindicativas recollidas no seu último disco “Améfrica”, actualmente en consideración para os Latin Grammy. O concerto será na Sala Capitol, como no caso do reputado cantante sirio Omar Souleyman, que traerá a Galicia a enerxía do dabke e do mawal con connotacións tecno e post-disco o venres 25.

Doutra banda, no Teatro Principal, o venres 25 o recoñecido harmonicista Marcos Coll presentará o seu novo disco “Ronsel”, no que se lanza como cantante por primeira vez; e o sábado 26 a británica Ala.ni achegará a elegancia e o intimismo do jazz vocal, co seu último traballo “Sunshine Music”.

Conexión Cuba e Galicia

A profundidade e a calidade acústica terán unha cita de excepción co tándem formado pola cantante cubana Haydée Milanés e o contrabaixista español Javier Colina, co seu proxecto “A mi manera”, no que explorarán a memoria sonora da canción cubana a través do jazz, no Teatro Principal o xoves 24. Esa mesma conexión coa illa caribeña e a súa diáspora reflexarase no espectáculo coral “Cuba canta en Maré”, de produción exclusiva para o festival, no que artistas cubanos afincados en Galicia como Alejandro Vargas, Reynier Aldana e David Álvarez porán en valor a riqueza musical do país cunha representación da música cubana o sábado 26 na Sala Capitol.

Onde mercar as entradas

Os abonos para estes concertos, así como as entradas individuais, xa están dispoñibles a través da web oficial do festival mare.gal. Nas vindeiras semanas o Maré dará a coñecer novos nomes e actividades que completarán esta experiencia deseñada para escoitar, sentir e compartir.

O festival, producido por Nordesía, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.

Facebook

1 week ago

Ábrete de orellas
Sexa por descoñecemento, sensacionalismo, torpeza ... moi mal colgar así esas cifras, a monte, sen un mínimo de explicación. Pode facerse dano.La Voz de Galicia. Edición FerrolSen ir máis lonxe, o de Budiño é por cinco concertos, non polo de Ferrol.Se vos queredes escandalizar, entrade aquí e pensade en quen merecen apoio e axuda e non cheiran un euro.www.contratosdegalicia.gal/resultadoIndex.jsp?e3=1&ESTADO=4,5,6,8&OR=242&lang=gl ... See MoreSee Less
Ver en Facebook