o 2019 para Ábrete de Orellas

Xaneiro 05, 2020

As últimas semanas de cada ano énchense de enquisas e listas co mellor do ano. Son repasos nos que podemos apreciar e confirmar tendencias, filias e fobias de cada medio ou opinante. Nos mellores casos, cumpren a función de provocar debate e tamén recuperar algún traballo que por présa ou descoñecemento non valoramos no momento que viu a luz. Á redacción orelluda non chegan todos os discos editados no país nin son quen de cubrir todas as citas de concertos, así que eludimos falar dos mellores ou dun “top”.

Porén, aproveitando a encarga que me fixo o portal Cultura Galega dun resumo do ano a nivel musical na Galiza, recupero esas liñas e engado lista de discos e concertos neste ano que pasou.

Argumentos para crer
Pepe Cunha

Entre o público que só responde ás citas grandes e as minorías do underground e a autoxestión, existe un espectro amplo de artistas e axentes que seguen a devecer por unha industria musical propia, recoñecíbel e que reflicta a nosa diversidade e calidade. No 2019 abondaron os argumentos para crer e consumir do noso, mais isto exixe un compromiso real, non anecdótico, nos altofalantes, nesa radiotelevisión pública que agocha as excepcións honrosas ao tempo que sobrexpón o máis costumista e fácil.

Podemos presumir de festivais con menos talonario e/ou máis risco ou curiosidade, que funcionan con propostas menos obvias, como WOS, SinSal, Noroeste ou 17º Ribeira Sacra. Se ollamos as nosas artistas, constatamos a repercusión que acadan fóra Baiuca (e máis canda Aliboria), Mercedes Peón, Xabier Díaz, Sumrrá, Ortiga, Agoraphobia … e os primeiros pasos que deron Sés ou Guadi Galego, que publicou un álbum exemplar na unión de calidade, compromiso e orixinalidade.

Sen deixar a visibilidade no exterior, cómpre lembrar o momento protagonizado por Sabela interpretando/reivindicando na final de OT unha canción dos grandes Marful; feito detonante para que a banda volvese para se despedir por todo o alto no Culturgal, con cheo no concerto e milleiros de visualizacións por Internet.

Outro feito salientábel e necesario para normalizarmos a escena foi unha maior publicación de libros musicais: “Unha historia do pop-rock en Galicia”, as biografías de Guadi Galego e Magín Blanco ou o libro-disco de Xico de Carinho; este por unha CentralFolque que segue a publicar sobre artistas do tradicional.
E que dicir da colleita variada de discos ? Os regresos de Dios Ke Te Crew e Holywater, o debut de Marcelo DoBode, o “Ontology” de Xosé Miguélez, as consolidacións de Tanxugueiras e Os Amigos dos Músicos, un novo Budiño …

A escolma de discos galegos orelludos de 2019 (dez álbumes e un mini-álbum) saíu así de variada e pensamos que os títulos seguintes (ordeados alfabeticamente) podedes atopalos individualmente noutros lugares, pero xuntos só aquí. Facede a proba.

Budiño “Fulgor”
Dios Ke Te Crew “O ciclo da serpe”
Familia Caamagno “Había que intentalo”
Germán Díaz e Benxamín Otero “Trece cancións bonitas”
Guadi Galego “Immersion”
Holywater “Arboreal”
Marcelo DoBode “Turoqua”
Os Amigos dos Músicos “Segundo fogar”
Silvia Penide “El efecto boomerang”
Tanxugueiras “Contrapunto”
Xosé Miguélez “Ontology”

E velaquí unha lista dos concertos dos que máis gocei …
Kevin Johansen no 17º Ribeira Sacra, Patti Smith e Belako na Praia de Riazor, Guadi Galego e Dios Ke Te Crew na Sala Capitol, Maria Joao e Pablo Lapidusas no Cantos na Maré, Jorge Drexler no Pazo da Cultura de Narón, Marful no Pazo da Cultura de Pontevedra, Eels no Auditorio de Galicia, Gilberto Gil no Auditorio Mar de Vigo, Dead Combo, León Benavente, Júlio Resende e Enredadas no Teatro Colón, Jorge Drexler e Kevin Johansen no Náutico de San Vicente do Grove , Curtis Harding no Teatro Jofre … E mención especial para o festival SinSal de San Simón sobre todo por Stuff, Kyekyeku & Ghanalogue Highlife e The Venopian Solitude

Pepe Cunha, o director orelludo

AXENDA

Facebook