Mulleres bravas, música da terra, grupos internacionais e unha chea de actividades paralelas para o Revenidas 2017

Agosto 01, 2017

nota:

A 14º edición do festival Revenidas, que se celebrará os próximos 18, 19 e 20 de agosto en Vilaxoán, presentouse esta mañá no Parque de Dona Concha da vila coa presenza de Jacobo Sutil -director de AGADIC-, Xosé Leal -deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra-, Carmela Silva -Presidenta da Deputación de Pontevedra, Sonia Outón -Concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa-, Alberto Varela -alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa-, Xurxo Souto -músico- e Xoan Quintáns -director do festival Revenidas-.

O festival, que contará con case unha trintena de bandas galegas, do estado e internacionais, terá unha especial presenza de bandas de “mulleres bravas, que amosan os seus sentimentos a través da música”, tal e como apuntou Quintáns. Exemplo disto son as artistas Sara Hebe, Pupil·les, De Vacas, Vodoo, Bolboreta, Ugía Pedreira ou Najla Shami. O director do Revenidas tamén quixo destacar o espírito do festival “que continúa facendo unha clara aposta polos artistas e bandas do país” como Terbutalina, Dakidarría, Doen, Noite Fechada, Xurxo Souto, Galifunk Brass, La Duendeneta, Os Terribles de Arousa, Bloquinho Aperta, Zapa! e SondaRúa (estes dous últimos a través de Estudios Mans-Fundación Paideia).

O cartel complétano grupos procedentes de Asturies, Madrid, Valencia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Madrid, Arxentina, Hungría ou Reino Unido facendo do Revenidas un auténtico “Festival das Linguas”. En relación a isto, Xosé Leal quixo gabar a aposta que fai a organización polas “diversidade de linguas e o mantemento do noso patrimonio musical e mariñeiro”.

Mentres que Jacobo Sutil puxo sobre a mesa a profesionalización dos festivais galegos nos últimos anos calificando ao Revenidas como “un dos festivais punteiros en Galicia”, Sonia Outón e Alberto Varela animaron á poboación a achegarse á vila para vivir o festival e gozar da calidade da súa programación. En palabras de Varela, “o Revenidas é xa unha referencia no calendario de todos os festivaleiros e festivaleiras e o sentimento de orgullo que amosa a poboación ao falar do festival é moi especial”.

Carmela Silva, aproveitou a súa intervención para facer referencia aos #RíasBaixasFests, presentándolle aos asistentes os dous eixos transversais arredor dos que xirará o papel da Deputación de Pontevedra nas 8+1 citas deste verán: a sustentabilidade a través da recollida de vidro e residuos sólidos, e a igualdade. A Presidenta de Deputación celebrou, ao igual que a organización, a gran presenza de mulleres da música galega no cartel do festival e o espírito solidario que sempre caracteriza ao Revenidas.

Revenidas: moito máis que música

O Revenidas continúa abríndose ao mar. Nesta edición os asistentes poderán vivir unha experiencia marítima única en familia pola Ría de Arousa a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional na que unha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos se fusionará coa música en directo de Ugía Pedreira e Pierrot Rougier, Lydia Botana, O Leo i Arremecághona, Najla Shami e Xurxo Souto. O propio Souto remarcou a importancia de aprender a vivir o Revenidas como unha expeciencia única, tanto dende o lado dos asistentes ao festival coma dende o papel dos músicos. “Non hai experiencia musical máis bonita que cantar en Vilaxoán. Cantar e ver como che está dando o vento mareiro”, apuntou.

O festival contará tamén con outras actividades paralelas como a Gran Gala de Circo Solidaria “Flores contra o esquecemento” a favor de Pallas@s en Rebeldía, a habitual Sardiñada Popular Revenidas, diferentes prostas gastronómicas a cargo de chefs con Estrelas Michelín que nos presentarán os seus pratos máis apetecibles e innovadores na Zona Mahou, dezasete horas de música soundsystem no Recuncho DUB ou a nosa Feira Revenida, onde os protagonistas serán o talento, a creatividade, a innovación, as figuras emerxentes no mundo das artes e os produtos culturais do país.

Entradas e abonos
Ademais de continuar coa venda de abonos para o Revenidas 2017 a través da páxina web www.revenidas.com, tamén se poden adquirir en diversos puntos de venda físicos espallados por toda Galicia. Actualmente o prezo é de 35€ para o abono (que custará 45€ en taquilla) e de 20€ para a entrada dun día, que terá un prezo de 25€ en taquilla durante os días de celebración do festival.

AXENDA

Facebook