los radiadores “los perros ladraron”

Xuño 06, 2017

Cando ten os parámetros tan marcados, unha banda non aspira a sorprender, senón a facturar as mellores cancións que poidan. Este ben pode ser o caso do cuarteto valenciano Los Radiadores. Dos seus anteriores traballos -“Manual de Supervivencia” (2013) e “Gasolina, Santos y Calaveras” (2015)- comentabamos unhas referencias claras e un son cada vez máis sólido rexistrado en El Sótano con Dani Cardona. Tras un par de escoitas, dá a impresión de que agora se centran máis na herdenza das bandas españolas de rock dos 80 e entregan a súa colección de cancións máis completa.

Se cadra, levantan o pé do acelerador punk pero sonan tan ben ou mellor que antes. Ofrecen máis matices, que por iso non se perde actitude, contundencia ou aceno roqueiro. O xeito de compoñer e cantar de Raúl Tamarit xa queda máis que definido a estas alturas e é marca inequívoca, convencendo ou non segundo gustos, como decote pasa con outras voces do rock. Iso si, do que non queda dúbida é que se sitúan con notábel na tradición desas bandas á marxe dunha moda underground-indie-alternativa con pouca credibilidade ou sustancia.

“Buddy Holly” ten un ar de guateque que puidera ser obra dos Gabinete Caligari; “Estás de suerte” ou “Dando lecciones” de Los Enemigos; Marte ya no nos quiere” a uns Nikis ou primeiros Siniestro Total; vanse cara o pop en “Felicidad”, ou ao siniestro duns Parálisis Permanente ou Décima Víctima en “Sin saber qué hacer” ou ”Cuerdo de atar”. Canda estas últimas situaría coma puntos altos do álbum unha “La última función” que lembra os 091 e loce coas doce cordas nas mans de Manolo Bertrán (Doctor Divago), e a balada “Más no te puedo dar”.

“Los perros ladraron” é un deses discos que chamamos “exercicio de estilo”, cuxas maneiras sonan recoñecibeis e familiares e ás que suman unha produción sen fenda ningunha. O baixo de Sergio Domingo, os solos de guitarra de “El Joven” e a batería e percusións de “Metralla” sonan cando e como teñen que facelo, e a proba está nas cancións mencionadas. Conta con edición en disco compacto con Bonavena Música e vinilo con Trilobite Records.

Pepe Cunha, 6-xuño-2017

AXENDA