A banda valenciana liderada por Raúl Tamarit presentouse co mini-LP “Bienvenido” en 2011 e consolidou a súa presenza dous anos despois co “Manual de supervivencia”. Lembran tanto a influencias clásicas que até semella que o tópico de “o terceiro traballo como confirmación” resulta ben acaído para un ”Gasolina, santos y calaveras” tamén editado con Bonavena Música, selo “a pachas” con Manolo Bertrán (Doctor Divago). Se a veteranía é un grao, aquí hai galóns de convicción e solvencia.
A banda consolida as súas coordenadas estilísticas e compenetración; só cambia ao baixo coa entrada de Sergio Domínguez. Para plasmar ese son veraz, de directo, presentado desde o acople inicial, repiten en El sótano con Dani Cardona aos mandos da gravación. Se Ilegales cantaban “Tiempos nuevos, tiempos salvajes” e “Destruye”, Los Radiadores fano de “Tiempos de destrucción”, amosándose conectados aos tempos que vivimos. Tamarit, guitarrista e vocalista, asina todas as cancións agás unha versión ben lograda (chisco a “Ziggy Stardust” incluído) de “El hospital” de Canut e Berlanga en tempos Pegamoides. As letras, pouco ou nada esclavizadas pola rima, falan do desencanto, sexa social e emocional, pero “Sin dejar de sonreír.”
Como xa comentabamos do anterior traballo, vencéllanse a eses 80 hispanos de serie B ou subterráneos (Burning, Enemigos, Parálisis Permanente, 091, Lagartija Nick… ) e as súas influencias (pub-rock, os primeiros The Clash, a escuridade duns Cramps, Iggy Pop and the Stooges, Lou Reed, Ramones …). Fan un rock inmediato que conecta co asfalto e o barrio, cru, nada panfletario pero rabioso. O repertorio móvese entre os extremos estilísticos e de duración (media hora para 10 cancións) de “Un nuevo simperio”, veloz e inmediata, e o peche dunha “Círculos concéntricos” que tira dos teclados de Dani Cardona na procura de aires psicodélicos e un chisco máis de complexidade.
Pepe Cunha, 27-febreiro-2015