Lección de directo dos Waterboys máis roqueiros. Pazo da Cultura, Pontevedra, 21-abril-2012

Abril 23, 2012

Houbo un momento nos 80 en que The Waterboys puideron convertirse nunha “banda de estadios” como os seus contemporáneos Simple Minds ou U2. Tras dous correctos primeiros discos, en 1985 editaron “This is The Sea”, un gran disco que ademais contiña o gancho comercial da soberbia “The Whole of the Moon”, un deses éxitos instantáneos que resiste a sobreexposición das emisoras nostálxicas. Porén, o talento de Karl Wallinger saiu da banda que ficou con Mike Scott coma líder único e que viviu en “Fisherman”s Blues” (“88) un xiro musical sorprendente. Malia non perder esa tendencia ben controlada á épica e o romanticismo dos seus primeiros álbumes, Scott emprende unha viaxe musical cara ao folk irlandés e británico con excelente resultado tanto de crítica como de público. En España especialmente acadou moitísima difusión e notables vendas grazas á moda da chamada música celta. Tras afondar nesta liña aínda máis en “Room to Roam” (“90), desta vez o cambio de rexistro non funcionou. A volta a un son máis de rock con “Dream Harder” (“93) resultou decepcionante a pesar de conter algunha canción salvable. Scott lanzouse entón a unha carreira en solitario que duraría até a reformación da banda no 2000. A xira que os trouxo onte a Pontevedra coincidía cun bo momento da banda, a presentación de “An Appointment with Mr. Yeats”, un notable álbum no que musican versos do insigne poeta irlandés.

Entre un público no que predominaban simpatizantes que xa cumpriran os 40, plantexábase a dúbida de se escoitariamos máis folk ou máis rock. Desde o comezo démonos de conta que ía predominar a segunda vertente pero, iso si, The Waterboys convenceron con solvencia tras algo máis de dúas horas de concerto. Gañaron e fixérono -por aquelo de que estabamos en serán futbolero de Barça-Madrid- sen especular, co bo xogo do repertorio ben distribuído, a interpretación impecable, a comunicación co público e o goce dos músicos no escenario. Ademais, os “folquis” tiveron unha convincente dose do seu grazas especialmente ao dúo Scott-Wickam nesas pezas de finais dos 80. Era a noite de fin de xira, non había forzas que gardar e todos os presentes tiñan que saír cun bo recordo.

As novas “The Hosting of the Shee” e “News for the Delphic Oracle” abrion a velada, pero xa “Rags” e “All the Things She Gave Me” nos levaron até o segundo disco. Desde o comezo, gozamos dun son potente e impecable que se mantería toda a velada, Igualmente, presentáronnos unha formación coa maquinaría ben engraxada: o abraiante violín de Steve Wickham e a notable achega de matices do teclista James Hallawell estivo apoiada pola sólida base rítmica de Marc Arciero no baixo e Ralph Salmins na batería. Se os secundarios estiveron de luxo, non fallou Scott no seu papel de líder, Atento co público sen abusar, falou o que puido en castelán e na interpretación estivo impecable tanto á voz como nos instrumentos, Agradeceu especialmente o “sold-out” para esta última data da xira e a resposta do público. Non era para menos.

Desgracidamente tiña que haber un pero, o non pouco público amolando co uso dos móbiles e as portas que se abrían para quen chegaba con atraso por prefiriren ver completo o enésimo derbi. A pesar desta anécdota, a proposta musical ía gañando en variedade coa sentida balada “The Thrill is Gone”, aínda no segundo disco e cun sentido Scott ao piano. Era o turno agora para o primeiro álbum con “A Girl Called Johnny” e “unha das moitas cancións de amor que ían tocar esta noite”, “The Girl In the Swing”. A seguinte non tardou: “How Long Will I Love You” con guitarra acústica e un fermoso final ao teclado de Hallawell. Deseguido, e sen facer un cambio forte, volveron ao rock con “Glastonbuy Song”. Wickham regresa ao escenario e bromea con Scott sobre o motivo da súa marcha do escenario antes de ofrecer unha das grandes interpretacións “tapadas” da noite “Lonesome Old Wind, pequena xoia recuperada das sesións de “Fisherman”s Blues” no álbum “Too Close to Heaven”.

Daquela ninguén dubidaba da calidade do concerto, pero os aplausos de acompañamento a “The Raggle Taggle Gypsy” denotaban o desexo dese chisco de festa tradicional e aí estaría Wickham lucíndose unha vez máis co violín. Pero isto non podía caer na complacencia dun repaso de “éxitos” e tocaba parada no último disco: “Mad as the Mist and Snow” puxo o toque de experimentación e teatralidade ao concerto cunha base programada abrindo, os instrumentos incorporándose, máscaras, duelo de instrumentos e final con recitado de Scott. Quen dá máis ?

Para rematar o “setlist”, volta a unha elegante contundencia da que deberían tomar nota moitas bandas actuais con “Be My Enemy”. No seu final, versión de “At the Hop”, peza dos anos 50 na que Hallawell se luciu ao piano. Todo un momentazo que Scott pediu que alguén subise ao “Youtube”, supoñemos que por ser anécdota exclusiva da noite. Un lucido momento de respiro folque con “Has Anybody Seen Hank?” para coller forzas e deseguido outro dos momentos a gardar na memoria: “The Pan Within”, “outra canción de amor” que a banda levou ao infinito da épica rock a base de solos, subidas e baixadas que abraiaron ao público. Un impresionante final e máis sabendo os ases que ficaban na manga para os bises.

No primeiro par, o álbum “This is the Sea” con “Don”t Bang the Drum” e a imbatible “The Whole of the Moon”, gratamente comenzada en clave reggae ao piano por Scott. Xa daquela, só as persoas máis tímidas ou contidas ficaban nas súas butacas. Non obstante, aínda se podía rematar máis arriba. Así, no segundo par de bises Scott e Wickham abren con guitarra acústica e violín a fermosa “A Man is Love”. O público acompañaba con palmas e a balada rematou en baile tradicional cos técnicos da xira e os outros tres músicos danzando. Estes foron collendo os seus instrumentos e atacaron un “Fisherman”s Blues” que levaría o auditorio do Pazo da Cultura ao éxtase.

Quen pensaba que este concerto sería un mero exercicio de nostalxia a cargo de Scott e uns acompañantes ocasionais ? O que quedou claro é que gozamos de toda unha lección de banda de rock en directo.

Pepe Cunha, 22-abril-2012

AXENDA

Facebook

5 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook