Ao vivo Jorge Drexler semella non ter fallo. Funo constatando ao londo das xiras que o trouxeron a Galiza desde aquel marzo de 2004 en que anticipaba “Eco” nunha Sala Capitol a medio encher. Iso si, con todo a favor, porque as súas coidadas postas en escena e interacción co público sempre contaron con lugares ideais ( Teatro Jofre, Teatro Colón, Pazo da Ópera, Auditorio de Galicia, Pazo da Cultura de Narón …). Mais este sábado, desafortunadamente, tanto as artistas no palco como as asistentes -en cadeiras plegábeis de madeira- estabamos incómodas polo espazo físico e a acústica baixo unha carpa de plástico. Entendo que a organización se adaptou o mellor que puido á explanada do Peirao de Batería e a borrasca deses días, pero escoitei moita queixa e distracción ao meu redor. Porén, quedemos coas dúas horas de actuación de Drexler e a súa banda, que se sobrepuxeron ao contexto.
Chegaban para presentar “Tinta y tiempo”, un último álbum que repasaron enteiro canda moitas das súas cancións máis emblemáticas. A estas alturas, a lexión de seguidoras e a listaxe de favoritas segue a segue a medrar, mais o artista procura non se repetir en demasía e para cada xira argalla un repertorio que se adapte á formación que confeccionou. Desta vez recréase nos detalles con Meritxell Neddermann nos teclados, Javier Calequi á guitarra, Borja Barrueta á batería, o seu fiel Campi Campón no baixo e programacións e as voces de Alana Sinkëy e Miryam Latrece, aínda que todas acompañen nos coros. Para as vinte e cinco cancións que interpretaron despregaron formatos diferentes, desde a banda ao completo até el só á guitarra acústica na sempre emocionante “Milonga del moro judío” e “Soledad” pasando por formato dúo para “Asilo” con Miryam Latrece, “Oh, algortimo!” coa guitarra eléctrica de Calequi, “El día que estrenaste el mundo” cos efectos de Nedderman … Ademais, o seu primeiro álbum fai trinta anos e aproveitou para reinventar unha das súas cancións: “Era de amar”, coa colaboración percutiva do público que acabou en pé nos bises.
Se o ”todo vendido” xa apuntaba a un público entregado, as súas presentacións sempre lúcidas acaban de conquistalo. Poucos teñen esa arte para presentar as cancións novas e preparar a ouvinte, ademais de arriscar ou probarse con mesura para non perder un nivel notábel e lúcido nas súas composicións; aínda que “Tocarte” desentoe. Finalmente, sumémoslle que enfrontou a acústica deficiente con boa cara e profesionalidade e que antes do seu concerto saíu ao palco para saudar Tiago Iorc durante a súa actuación; deste xeito, invitaba a nosa atención para un invitado de luxo. Porque iso é outro tema nos concertos, especialmente se hai barras: a falta de respecto demasiado frecuente en forma de murmurio, máis atenuado desde a zona de invitadas, que nin se ruborizan coa interpretación de “Silencio”. Pero o que importa é que Drexler, unha vez máis, non tivo fallo.
Pepe Cunha, 18-outubro-22
Repertorio
- El plan maestro
- Deseo
- Corazón impar
- Cinturón blanco
- Me haces bien
- Fusión
- Bendito desconcierto
- Inoportuna
- Era de amar (Jorge le pide al público… more )
- ¡Oh, algoritmo! (Jorge le pide al público… more )
- Salvapantallas
- Asilo
- Tinta y tiempo
- El día que estrenaste el mundo
- Milonga del moro judío
- Soledad
- Duermevela
- Movimiento
- Tocarte
- Telefonía
- Silencio
Bises:
- La guerrilla de la concordia
- La luna de Rasquí
- Todo se transforma
- Amor al arte