Guadi Galego “Roibén”

Decembro 29, 2022

Se comezo dicindo que este é o disco máis complexo de Guadi Galego caio no risco de espertar receo nos ouvidos que esperan propostas máis amábeis ou habituais. Mais a traxectoria desta autora hai tempo que gañou para cada novo traballo atención e unha sorte de dereito a varias escoitas. Saír de Berrogüetto, o concepto do álbum “Benzón, a entrada no pop co “Lúas …”, as reinvencións de “Immersion” … son probas abondas dunha inquedanza innata. Ela non aspira a unha suposta perfección e/ou ficar cómoda onde seguramente chegaría a máis público, senón que é das que proban e ensaian formas novas ao tempo que conservan a esencia, o selo, o arume de seu. Agora leva un punto máis alá a electrónica e a experimentación do anterior “Costuras”.

Isto comezou ao compartir uns temas no estudio de Iván Ferreiro e Sergio Puga onde xogaron con sintetizadores e modulares. Ese posíbel mini-álbum acabou por crecer até esta colección de dez cancións en cuxo acabado volven ser peza imprescindíbel Pau Brugada e Vic Moliner dos Olivera Estudi. Non será o seu disco máis comercial, accesíbel ou de dixestión máis fácil se pensamos en detalles de “Epona”, “Penélope” (sobre versos de Xohana Torres), “Alegoría” (agora Antía Otero é a musicada) ou “Noa” (a dúo con MABÜ e outro dos grandes momentos do disco). Porén, a concepción dunha ruptura máis ou menos grande é relativa, segundo o padal da ouvinte, pois “Primavera” (seica unha secuela da “Zocos” de “Costuras”) ou o dúo con Brugada en “Fortuna” son alfaias que emocionan xa á primeira escoita, como o piano de Clara Peya en “Dores” ou os ventos de Joan Mar Saqué e Jordi Guasp. Sen caer na compracencia, Guadi volve pedirlle ao seu público un pequeno esforzo, calma, atención ao detalle e, tras a sorpresa inicial, verás como logo te arrebata algún retrouso. Ao igual que o fai visualmente a edición física: ilustración de Xurxo Romero para unha edición en vinilo de cor vermello máis CD deseñada por Carlos Abal e con texto da xornalista Teresa Cuíñas.

A roibén maniféstase no albor e no solpor, na chegada ou a marcha da luz; hai dualidade, como na comodidade e na inquedanza, por iso “Roibén” non é nin o mellor nin o peor álbum de Guadi Galego. É complementario, supón unha nova balda nunha estrutura onde todas son necesarias para entendela como artista e persoa. Por se quedasen dúbidas, xa o canta a voz de “Bela”: “Eu xa non son a de antes, medrei e mingüei todo á vez”. En “Roibén” atopamos efectos sonoros, texturas e estruturas máis complexas ou máis simples, spoken-word … pero non faltan as súas voz e composicións, melodías e poesía. Se me permiten unha referencia xeracional, cada disco de Guadi sería unha lección máis dun hipotético curso de CCC cuxas siglas correspondesen a coidado, calidade e compromiso.

Pepe Cunha, 29-decembro-22

https://guadigalego.eu/

repertorio:

  1. Epona
  2. Penélope
  3. Primavera
  4. Alegoría
  5. Fortuna
  6. Noa
  7. Bela
  8. Dores
  9. Sara
  10. Grazas

 

AXENDA

Facebook

1 day ago

Ábrete de orellas
O xoves comeza o Revenidas e estes son os seus horarios.Quedan entradas.⏰ 𝗛𝗼𝗿𝗮𝗿𝗶𝗼𝘀 𝗥𝗲𝘃𝗲𝗻𝗶𝗱𝗮𝘀 𝟮𝟬𝟮𝟰 ! 🎶📆 Estabades ansiosos por eles e aquí os tedes 👈📝 Estes serán os horarios dos concertos do #Revenidas2024 👈🔴 Tanxugueiras ⚫ Dubioza Kolektiv 🔵 La Pegatina🔴 Fillas de Cassandra⚫ Narco 🔵 Talco 🔴 Balkan Paradise Orchestra⚫ Lontreira🔵 Loita Amada🔴 Serial Killerz⚫ ETS (En Tol Sarmiento)🔵 El Kanka🔴 Lendakaris Muertos ⚫ Guadi Galego🔵 The Rapants ⚫ Mafalda - ÚLTIMO CONCERTO EN GALICIA🔵 La Fúmiga🔴 Lágrimas de Sangre - ÚNICO CONCERTO EN GALICIA ⚫ Caamaño & Ameixeiras🔵 Los Niños Jesús 🔴 Vértebras⚫ The Tytes 🔵 Miss Bolivia🔴 Muchachito Bombo Infierno⚫ Xavi Sarriá - ÚLTIMO CONCERTO EN GALICIA🔵 Trashtucada🔴 Rebeliom do Inframundo - CONCERTO ESPECIAL⚫ Dakidarría 🔵 De Ninghures - CONCERTO VIBRA MAHOU🔴 Catuxa Salom - CONCERTO VIBRA MAHOU⚫ Uxía Lambona e a Banda Molona 🔵 García MC 🔴 Muyayo Rif⚫ La Duendeneta 🔵 La Yaya Dj 🔴 Mekanka Rolling Band🎟️ Merca xa o teu abono ou a túa entrada de día, antes de que muden de prezo o próximo martes día 3 de setembro, en www.revenidas.com 👈🐟 #Revenidas 2024 do 12 ao 15 de setembro en Vilaxoán 🎶#Revenidas #Vilaxoán #DeputaciónDePontevedra #XuntaDeGalicia #RíasBaixasFest #Galicia #RíasBaixas #Xacobeo #OFestivalDasLinguas #VibraMahou #PacoLola #Sonen Concello Vilagarcía de Arousa Deputación Pontevedra Turismo Rías Baixas Cultura de Galicia Xunta de Galicia Turismo de Galicia Camino Xacobeo Vibra Mahou Deleite Gadis PACO & LOLA Alma Atlántica Arehucas ... See MoreSee Less
Ver en Facebook