Guadi Galego presentou a súa nova “Immersion” na Sala Capitol, 15-nov-2019

Novembro 18, 2019

Para o novo lustre que Guadi Galego deu á súa produción recente cumpría correspondencia na presentación ao vivo. Como amosa este álbum “Immersion”, a música cedeiresa non é unha artista conservadora e o directo merecía coherencia coas novas sonoridades. Para este reto, e van uns cantos, confiaba na complicidade do seu público, que non só lle é fiel senón que tamén se amosa educado na receptividade, confiando e aceptando con naturalidade o que a artista quere expresar en cada momento. De aí o ambientazo na Sala Capitol con seiscentas entradas vendidas para un primeiro concerto de xira que probabelmente rematou con tamén seiscentas persoas satisfeitas.

Se só nun par de semanas quedara disipada calquera dúbida sobre a aceptación do disco, o directo non necesitou nin dous minutos. Perante un público respectuoso e atento, enganchou xa desde a primeira, “Reconociéndome”, neste repaso a todas as cancións de “Immersion”. Malia falar menos do habitual nela, amosouse como é, reivindicadora dos afectos e do empoderamento da muller, da multiculturalidade. Invitounos a escoitar as diferentes linguas, a cantar e a bailar, a producir e consumirmos produto do país, tan variado e de calidade, e agradeceu pagarmos para contribuír á dignidade de vivir a cultura e coa cultura. Un discurso sempre loábel pero que de non estar soportado en cancións das que chegan e tan ben interpretadas quedaría coxo.

Entrando xa no puramente musical, Guadi Galego remocicou a banda coa entrada de Roberto Grandal ao acordeón, Rubén iglesias no baixo e axudando nas achegas electrónicas, e Sabela e Tania nos coros e pandeiretas. Fican os “Berrogüettos” Guillermo Fernández á guitarra e Isaac Palacín á percusión. Dicir solvencia é quedarse moi curto ao igual que o sería falar dun concerto digno, tras gozarmos de tal nivel interpretativo e emocional. Ademais, nesta data especial, e como acontecería ao día seguinte na cita viguesa, tivemos o privilexio de que cantasen e tocasen artistas partícipes das gravacións do álbum: os asturianos Silvia Quesada e Alfredo González en “Cantar para ver”, Álex Insua e Javier Otero en “Immersion”, de novo Javier Otero ao piano en “Vas entà naut”, Mikel Urdangarín en “Tribua”, Xabier Díaz en “Sen remordementos”. Custaríame salientar só un deses momentos tan especiais e intensos. As cancións, que cantou nas sete linguas presentes no disco, emocionan coas novas texturas, interpretadas cunha banda impecábel e acompañado todo dunha posta en escena elegante, onde brillan as proxeccións que acompañan a velada; desde a primeira recordando uns versos de Narf até as fotos de agarimos enviadas por seguidores.

Un concerto de “Immersion” supón mergullarse na arte e o compromiso dunha artista ilusionada, entregada e emocionada, orgullosa do seu equipo, da súa “Xente”; precisamente a canción de Berrogüetto que, atinadamente, recupera nesta xira. Como acerto é manter “Aromas de terra”, versionar un referente coma Xoel López en galego e non prescindir de “Amar a mares” coma fin de festa. Non todo van ser cambios para unha nova xira que supón unha volta máis na consolidación de Guadi Galego coma referente da música popular feita en Galiza, e atreveríame a dicir que tan exportábel coma o noso folk.

Pepe Cunha, 22-novembro-2019

repertorio:

Reconociéndome
Cantar para ver
Bóla de cristal
Balada de verán
Matriarcas, brilhantes activistas
En silencio, con respecto
Fronteres
Immersion
Vas entà naut
Tribua
Cedeira
Privilegio (?)
Historia universal
Aromas de terra
Xente

Sen remordementos
Amar a mares

AXENDA