Guadi Galego abriu a xira de “Lúas de outubro e agosto”. Centro cultural A Fábrica, Oleiros, 6-marzo-2015

Marzo 10, 2015

O noso mercado musical é cativo e moitas realidades non teñen a visibilidade que merecen. Cando a Xunta e a radiotelevisión pública non exercen a súa parte de traballo, aínda precisamos en demasía do compromiso entusiasta de feiras como o Culturgal e do labor de certos concellos si comprometidos coa nosa lingua e cultura. O fenómeno de Guadi Galego non é unha cuestión de público militante, porque quen tivo acceso a “Lúas de outubro e agosto” apreciouno de inmediato. Pode haber máis realidade que 3000 discos vendidos nuns meses e nestes tempos?
Pois malia este éxito, a estrea da xira non foi ao grande, senón familiar, no pequeno auditorio d”A Fábrica, en Oleiros. Chapeau para un concello que se esforza en apoiar @s nos@s artistas dentro das súas limitacións!

Como xa acontecera no showcase do Culturgal, houbo presenza abonda de xente nova e a demanda superou o aforo. Con produtos así e coa canteira axudada e receptiva, hai futuro para a música con selo do país. Se ademais das cancións e voz fermosas sumamos un luxo de músicos (Paco Charlín no baixo, Isaac Palacín na batería e o seu compañeiro musical Guilerme Fernández á guitarra) só faltaba que a acústica do recinto estivese á altura. E aquí estivo o “pero” contra o que loitaron as gañas de Guadi Galego ao vivo. Tras as primeiras cancións a cousa xa non era para sofrer e cómpre recoñecer o traballo dos equipos técnicos, de son e de organización, Aproveitouse moi ben un recinto modesto e apañado.

Esta formación de cuarteto de pop-rock, con Guadi aos teclados nalgunhas cancións, repasou as dez cancións deste seu segundo álbum “en solitario”. Sumáronse a este formato unhas adaptacións ben acabadas de dúas pezas do anterior “Benzón” e tamén a que abría o álbum “Espido”, proxecto con Guillerme. A actuación remataría no punto máis roqueiro versionando a un referente claro como Paulinho Moska. Tamén regalou un tema novo composto desde a publicación do disco, supoño. Malia problemas técnicos pequenos e lóxicos, o repertorio avanzaba rápido, como adoita acontecer polo impulso dos nervios da estrea. Entón, unha Guadi sorprendida pola pouca duración, comezou soltarse nos comentarios tirando de familiaridade e confianza coa audiencia, convertindo a actuación nunha sorte de ensaio serio. Evidentemente, non faltou unha referencia elegante á polémica espertada por “Matriarcas”, para a artista “unha canción de amor ás mulleres”, á marxe de reflexións máis intelectuais e que poden pecar “dunha posición intelectual de suposta superioridade”.

O público na súa maioría cómplice entregouse máis cara a parte final, conforme subiu a intensidade e chegaba a sucesión das celebradísimas “Norte do alen”, Chea de vida”, “Mergullei”, “Matriarcas” e “Aromas da terra”. Estamos ante uns músicos cuxas mestría e presenza fan que tocar ben pareza fácil e apenas vexamos apuntes a mellorar, pero a ver se se soltan Guille e Isaac nos coros!. Con máis concertos acabarán de aquelar o espectáculo, pero esta primeira cita serviu para constatar que o álbum cobra ese chisco máis de forza no directo, que as cancións recuperadas se adaptan ben a este formato (irresistibles os debuxos de Charlín na “Xota do 9 de abril”) e que o conxunto reflicte a maioría das aristas no estilo de Guadi. Fagan por achegarse a algún directo destas “Lúas de outubro e agosto”, que irán de seguro a máis. Espero que até chegar a concertos de grande aforo e en grandes vilas, das que só Ourense semellou “atenta”.

Ppee Cunha, 10-marzo-2015

1- “Ramo”
2- “Pernoctei”
3- “Norte do norte”
4- “Quixera” (Espido)
5- “Xota do 9 de abril”
6- tema novo
7- “Sentir”
8- “Curso dun río”
9- “Norte do alén”
10- “Chea de vida”
11- “Mergullei”
12- “Matriarcas”
13- “Aromas de terra”

14- “O muro”
15- “Muito pouco” (versión de Paulinho Moska)

Facebook