gatos bizcos “i can’t believe my eyes”

Abril 17, 2012

Quen tedes querencia polos concertos de blues e jazz seguramente notariades que son moi frecuentes as formacións ad hoc, ás veces para acompañar a un determinado artista que vén de xira ou para adaptarse a diferentes formatos e recintos. A linguaxe básica que manexan estes músicos permítelles adaptarse a outros colegas con solvencia e, asemade, seguir aprendendo e crecendo coma intérpretes. Precisamente o cuarteto que nos visita esta semana consolidouse tras xirar por Europa en 2010 cunha lenda do blues como Eddie C. Campbell. Disque esta foi a colaboración máis decisiva para o proxecto Gatos Bizcos, pero Quique Gómez (voz, harmónica e guitarra), Pablo Sanpa (guitarra), Miguel Benito (batería) e Héctor Rojo (contrabaixo) tocaron con outros bluesmen ou formacións como Red House ou a Big Band de Bob Sands. E non só de blues, pois Héctor Rojo toca con Depedro ou Josele Santiago.
O mes pasado editaron este seu primeiro traballo, gravado coma os de antes, ao vivo no estudio e sen retoques, anticipando o que deben ser os seus directos: unha mestura atemporal de blues, swing, soul e rock na que conviven con naturalidade composicións propias (aquí nada menos que sete das once ! ) e revisións de temas alleos. Entre estas cómpre salientar dous auténticos “standards”: “Nobody Knows You When You’ re Down & Out” de Jimmy Cox e “Goin’ Home” de Muddy Waters. Tampouco podía faltar unha peza do citado Eddie C. Campbell, a quen vai adicado este álbum: “That’s When I Know”. Entre as composicións propias, e sen desmerecer o impecable nivel xeral, recomendamos a incitación ao baile de “I Can’t Believe My Eyes, “Blues for P” ou o irresistible medio tempo “Backward Blues”.
En definitiva, un álbum directo, que soa auténtico e reborda calidade interpretativa de principio a fin. Eu non perdería catalos ao vivo e facerme con este traballo, pois son desas experiencias que se manteñen por riba de modas.

Edita o especializado selo Gaztelupeko Hotsak.

Pepe Cunha, 17-abril-2012

Eis as datas para que vos achegades a algunha:

mércores 18 no Miudiño, Ourense.
xoves 19 no Café Maltés, Ferrol.
venres 20 no Cachán Clube, Santiago de Compostela.
sábado 21 no Con do Moucho, A Illa de Arousa.

Facebook