FIV de Vilallba, o festival que apunta alto.

Abril 10, 2012

O FIV de Vilalba por primeira vez cobraba entraba, aínda que esta resultase case simbólica se atendemos ao cartel que presentaba. De feito, pareciamos viaxar uns anos atrás, aos baixos prezos dunha década na que se abusou das subvencións e os festivais agromaron por todo o país. Os concellos e deputacións vían neles un reclamo para atraer xente e apuntábanse un tanto coa cidadanía con ganas de música ou coa hostelaría que recibía clientela nun ou dous días. Disque agora son tempos de pechar a billa e administrar o que hai, de apertar o cinto, mais a excepción semella ser o FIV, que contou cun importante orzamento. O público respondeu e encheu, mais non só polo prezo e as bandas participantes, senón tamén pola situación xeográfica da capital da Terra Chá, ben comunicada e sen estradas de pago. Todo suma.

A xornada do venres abriuse con Grises, banda donostiarra que presentou o seu álbum debut cunha entrega e convicción absolutas. A súa ben acaída mestura de indie rock, pop britanico bailable e aires dos 80 no uso dos teclados resultou ben convincente. Desgraciadamente, foron a banda que menos público tivo en fronte, o que tamén repercutiu nun son que non tiña obstáculos para bater no chan da praza.

Coa boa puntualidade que rexiría o FIV, chegaba o turno para os Catpeople, que se atoparon cun público xa con ganas de máis contundencia sonora ou menos matices dos que a banda adoita amosar. Sen dúbida, o feito de que se poidese entrar con botellas no recinto favorece un maior consumo de alcol e o crecemento da euforia, pero tamén resulta perigoso o risco de lanzamento de botellas ao palco. Afortunadamente, os miles de persoas comportáronse dentro da embriaguez e non houbo incidentes. Semellando incómoda e algo desconectada co público (“¿Queréis caña, no?”), a banda tivo que esperar ao final para gañarse ao público máis festeiro coa secuencia de “Mexican Life”, “Happy Monster” e “Radio”. Quedaremos co recordo do seu gran concerto no Vigo Tr4nsforma e o crecemento amosado no seu notable terceiro álbum “Love Battle”.

O prato fortes da noite chegou cuns Corizonas que convenceron por actitude, son e repertorio. Non había moito que os viramos en concerto de seu na Capitol e tiñamos curiosidade sobre como encaran os festivais. Meteron o público no peto sen discusión, grazas en boa parte ás táboas que teñen todos os músicos e porque reduciron a minutaxe e así concentraron a intensidade. Como era de esperar, as versións de Black Sabbath, Pink Floyd, “Runaway” de DelShannon ou o “Piangi con me” foron do máis celebrado, pero venderon ben os temas propios.

Tras o descansiño no directo (que non nos ouvidos, pois a música de ambiente tamén estaba incomprensiblemente alta), Delafé y las Flores Azules aparecían no escenario de Vilalba na súa xira de despedida. Agás un pesado final de presentacións, o seu concerto pasouse voando e bailando. Sobrados de entrega, entusiasmo e comunicación co público repasaron a súa proposta efectiva, hedonista e intelixente cunha manchea de éxitos: “1984”, “La primavera”, “Espíritu santo”, “Río por no llorar” … Dende logo, quen non quedamos ao DJ marchamos cun sorriso para casa.

Se comparamos a banda “menos coñecida” do sábado coa banda que abriu a primeira xornada deste FIV, o nome tampouco lles fai xustiza. Se Grises amosaron unha actitude luminosa e unha proposta hedonista e bailable, Miss Cafeína resultaron case a antítese do estimulante. Iso si, talvez en homenaxe á terra na que estabamos, a súa actuación foi cha. Media hora dun pop-rock soso, pouco orixinal e da que apenas gozarían os seus incondicionais nunhas primeiras ringleiras ateigadas desde o comezo. Unha mágoa que non fosen os Grises quen contasen con tanto público en fronte.
Quen non desaproveitou o volume alto foi El Columpio Asesino, unha banda con tan boa aceptación grazas ao seu último álbum “Diamantes” que esperabamos que nos convencesen en concerto. No Cultura Quente non nos pareceran nada digno de tanto eloxio, pero desta vez estiveron impresionantes. Coa carpa chea de xente, marcáronse unha hora sen a máis mínima fenda. Estiveron intensos, sólidos, soaban compactos e con abraiante facilidade nos levaron do rock indie máis contundente e potente a auténticas atmosferas de trance. Que “Toro” fose a máis coreada quedou nunha anécdota. Os chimpos e bailes do seu técnico de son quedarán na memoria!

Complicado se presentaba para os Sidonie manter o nivel amosado por quen ao propio Marc Ros -guitarra e vocalista- lle parece “la mejor banda nacional ahora mismo”. Mais se hai unha banda que domina os escenarios, esa é Sidonie, aínda que nesta noite ofreceran a súa cara máis irregular, con paróns entre cancións e algún que outro problema de son, ademais do desmesurado volume que pouco favor fai á súa cara máis pop e coidada. Cancións como “El bosque”, “Fascinado”, ou “El incendio” non fallaro, pero haberá que buscar outra ocasión para degustar como merece o recente “El fluído García”.

Tal e como estaba o público, por número e ganas de festa, esperabamos que os Fuel Fandango a “montasen boa”. A súa proposta bailable resultaba do máis acaída e foi, probablemente, a que menos sufriu unha acústica mellorable, pero a súa rechamante posta en escea brilla máis nun recinto máis recollido. Porén, fixéronnos bailar e foron notable broche para os concertos deste FIV 2012.

Cun sabor máis doce que acedo, agardamos a esa edición que consolide o indubidable salto desta. Hai puntos localizados para a mellora (son, localización, restrición na entrada de botellas …), pero no que se refire a calidade e variedade musical, o listón xa está a unha boa altura.

Pepe Cunha, 10-abril-12

AXENDA

Facebook