Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Ruxe Ruxe + Brian Brody

Marzo 25, 2023 @ 21:00

12€

https://www.woutick.es/evento/24341/entradas-presentacion-do-novo-disco-de-ruxe-ruxe?place=306&date=25-03-2023&time=21:00&showId=32050

Ruxe Ruxe presentará en directo na Sala Capitol, a partir das 21.00 horas, o seu novo traballo discográfico, Unha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), publicado nas principais plataformas dixitais o pasado 17 de marzo. Trátase do disco número 17 nos máis de 25 anos de traxectoria da banda de rock de Aríns, unha celebración que coincide co momento máis doce do grupo, cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz.

Se ben con este Unha noite no interior dunha faísca Ruxe Ruxe sorprendeu ao público cunha proposta máis coral, aberta e ecléctica, o directo de presentación non quedará atrás: o grupo promete unha noite ateigada de movemento, festa, rock e reivindicación. A cita, cuxas últimas entradas están dispoñibles na plataforma Wouticket, comezará ás 21:00 horas. Polas táboas da Capitol pasará un convidado excepcional, Brian Brody, quen será o responsable de abrir a noite. Con máis de 20 anos de carreira e numerosas xiras por toda Europa e os EEUU, Brody é todo un referente en Irlanda, onde ten acadado varios recoñecementos pola súa contribución á cultura. O seu repertorio baséase nas cancións populares irlandesas, o que establece unha enorme conexión co público, achegándose tamén ata os clásicos do rock.

De seguido, Ruxe Ruxe sairá ao escenario para presentar eses “doce relampos de luz e cor no medio dunha longa noite de cans, chuviosa, escura e bretemosa” que conforman Unha noite no interior dunha faísca, un traballo no que a voz da súa baixista, Xulia Fuentes, gaña protagonismo. Mais non será a única novidade da xornada: Ruxe Ruxe presentará este sábado en directo o cómic A invasión dos guirizombis, un traballo que parte dunha historia de Vituco Neira e que conta cos debuxos e guión de Gonzalo Vilas. O tebeo, que se poderá adquirir na Sala Capitol este mesmo sábado, conta cunha banda sonora propia que as e os asistentes ao concerto poderán gozar ao vivo. Esta banda sonora poderase escoitar tamén a través dos dispositivos móbiles, por medio dun código QR situado na contracapa do volume.

‘UNHA NOITE NO INTERIOR DUNHA FAÍSCA’

Unha noite no interior dunha faísca conta con doce temas escritos por Vituco Neira nos que Ruxe Ruxe regresa ao punk californiano pero tamén explora un ska con aires de swing. A banda fala de nostalxia e de Compostela, da noite e as súas xentes, pero sempre con retrousos pegadizos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas. A banda non se acomoda e desta quenda Ruxe Ruxe soa máis aberta, aventureira e ecléctica. Vólvese máis coral, mais sen perder a súa esencia.

Entre os doce temas do disco, atopamos cortes cunha sonoridade e estilo máis punk como Zombies e licores, Autoodio ou Viva el Rey -no que Xaco Barona canta o retrouso-, até o son máis grunge e cru de Chernóbil. Por outra banda, o grupo aposta por cancións máis doces nas que emprega o ska vello, como Vaia onde vaia, que torna máis escuro e tétrico no Frankestein (que agroma a partir da lectura da tradución que Samuel Solleiro fixo da novela de Mary Shelly), ata afastarse do son habitual de Ruxe Ruxe no seu Lévame á festa. Da lectura, neste caso dun xornal, naceu tamén Aliens en Samil, inspirada nun artigo do mesmo nome publicado por Xosé Ramón Pena no Faro de Vigo o 19 de febreiro de 2019. Temas como Onde están?, Radiactiva ou Crebas completan un tracklist no que, ademais, os de Aríns recuperan Scórpio, inspirado no texto de Ricardo Carvalho Calero e que se gravou para o disco do XXVIII festival A Mocidade coa Língua, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrol en maio de 2021.

RUXE RUXE

Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda, que hoxe en día conta con David Barbas (guitarras, coros e voces), Xulia F. Neira (baixo, coros e voces), Xaco Barona (gaita e voces), Iago J. H. (batería), Xan Pericán (saxo, coros e voces) e o propio Vituco Neira (guitarra e voz).

A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico. En marzo de 2023, o grupo presenta o seu esperado novo disco, Unha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), cun cambio significativo no son da banda.

Detalles

Data:
Marzo 25, 2023
Hora:
21:00
Custe:
12€

Recinto

Sala Capitol
Santiago de Compostela, Galiza + Google Map