Desde o colectivo vigués Metamovida chega o segundo traballo de Es un árbol, caos formado por Borja Fernández e Rubén Abad nas guitarras, David Santos ao baixo e Sergio Álvarez na batería e os 4 ás voces. “Ellos son el futuro como la sonrisa de un niño, y están listos para hacerte arder dentro de su agreste maquinaria musical”. Esta vén sen dúbida favorecida porque cada un deles forma parte doutros combos de pelaxes musicais distintas como Cró!, Trilitate ou a Orquesta Metamovida.
Autodefinidos coma “rock absurdo”, só compre engadir que dentro deste poden ir pasar do punk ao country e o rock claramente estadounidense até chegar ao progresivo, o math rock e outras derivacións. Nestas entrarían os 5 minutos de “El salto de la niña rusa” (talvez o exemplo máis claro de que poden chimpar por calquera fiestra) ou os 6 de “Non te movas”, aínda que na colección de 15 cancións predominan as loucuras de menor duración, veñan do estilo que veñan. Sen dúbida, son devotos de San Frank Zappa, patrón da irreverencia na música popular, cunha proposta chea de riffs e ritmos variopintos, con marxe abonda para a improvisación e a experimentación.
Como ocorre cos estilos no rock, nas súas composicións pode agromar calquera asunto de corte social nunhas letras con boas doses de sarcasmo: o consumismo en “El corte inglés”, o armamento en “Bambi nuclear”, o negocio dos tranxénicos en “Monsanto”, a (des)orde mundial “Ain”t Got No Home- MacCain-G20”, “El fascismo es mi ley”, a ciencia, a relixión … Porén, nada de se poñer trascendentes ou serios. “El salto de la niña rusa”
Gravado nos estudios vigueses Pastora e cunha edición financiada por micromecenado, agora no seu bandcamp podes escoitar e mercar un disco recomendable para quen goste de fuxir de corsés e non necesite explicación para todo. Pero eles soan máis convincentes que un servidor: “Es Un Árbol es rock absurdo, tres de cada cuatro dentistas lo recomiendan, es adecuado para curaciones reiki, vendimias de pasas, actos electorales, reuniones del club Bilderberg; Es Un Árbol renueva tu flora intestinal, tres cuartas partes del dinero que ganan lo invierten en la protección de los arrecifes de coral de Micronesia. Han girado por Osetia del Norte, Timor Este, República de Transnistria, Tartastán o Sudán del Sur, además ,cada vez que compras un disco de Es Un Árbol nace un oso panda!”
Pepe Cunha, 20-xaneiro-2015