Cantos na Maré irmándase con Brasil, Portugal e Guinea Bissau

Xaneiro 14, 2016

nota:

Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, volve ao Pazo da Cultura de Pontevedra con máis folgos que nunca e vontade de seguir reforzando relacións cos territorios presentes no festival. Este ano irmándase de novo con Portugal, Brasil e Guinea Bissau, facendo da lingua a chave para abrir as portas do mundo, como dixo Manuel María, homenaxeado nas Letras Galegas de 2016.

Este sábado 16 de xaneiro ofrecerá un concerto único e irrepetible xuntando por primeira vez sobre un mesmo escenario a Alceu Valença, Jorge Palma, Thaïs Morell, Karyna Gomes, Fran Pérez NARF e Uxía. Cada edición supón unha nova ilusión por poder mesturar artistas consagrados con novos descubrimentos e que os días de convivencia sirvan para que músicos tan singulares e diversos creen xuntos. Cantos na Maré 2016 compoñerá un repertorio específico para a ocasión, con diferentes colaboracións entre os artistas convidados, unha vez máis baixo a dirección artística de Uxía e a dirección musical de Paulo Borges.

Un ano máis o festival volve constatar a existencia dunha comunidade de seguidores e seguidoras fieis e, a dous días do espectáculo, apenas quedan entradas á venda.

Dous artistas de culto do Brasil e Portugal
Pola banda dos autores de longo percorrido, o festival xunta este ano ao portugués Jorge Palma e ao brasileiro Alceu Valença, os dous por primeira vez actuando en Galicia. Jorge Palma é un dos piares do rock no seu país, que marcou a toda unha xeración de artistas. A súa carreira comezou como neno prodixio do piano, na mocidade transformouse nunha icona do folk-rock e logo acabou converténdose en autor de culto. Foi na segunda metade dos 80 cando acadou o período de maior popularidade cos álbums “Asas e penas”, “O lado errado da noite”, “Quarto minguante” e “Bairro do Amor”, aínda hoxe os seus discos máis coñecidos e procurados polo gran público.

Alceu Valença sempre foi un transgresor. Érao cando subiu por primeira vez a un escenario con 4 anos e continúa a selo agora, cando segue ensanchando os marcos dos sons nordestinos. O maracatu, o frevo, os caboclinhos, o baião ou a toada son algúns dos ritmos do seu Pernambuco natal, que reinventou pasándoos polo son eléctrico do pop e o rock. Colaborou con outros grandes como Geraldo Azevedo, Luis Gonzaga, Arto Lindsay, Maria Betânia e Jackson do Pandeiro, e levou os achados do tropicalismo máis lonxe que ninguén.

Revelacións recentes da música lusófona
Karyna Gomes é a gran revelación da música da África lusófona, cun primeiro disco, “Mindjer”, producido polo director musical de Cantos na Maré, Paulo Borges, que tivo un grande éxito de crítica e público. Investigadora da música de raíz do seu país, Guinea Bissau, está influenciada tamén pola mestizaxe e a experiencia de ter vivido en tres continentes: África, América e Europa. Iniciou a súa carreira en 2005 e axiña recibiu un convite para integrar o histórico grupo Super Mama Djombo. Ten compartido escenario con artistas como Tito Paris, Pricezito e Diva Barros.

Thaïs Morell formouse nunha das escolas de música máis prestixiosas do mundo, a Sibelius de Finlandia, logo viviu en Ghana tomando contacto coa música africana, para finalmente establecerse en Valencia. Empapouse deste xeito de culturas variadas, o que agora lle permite entrar con naturalidade en calquera estilo musical. Cun directo intenso e delicado, mestura a bossa-nova cunha gran diversidade doutras músicas, rachando con todos os convencionalismos da música brasileira. Lanzou o seu primeiro disco en 2012, “Cancionera”, e este ano brindounos a súa segunda aventura discográfica, “Amaralina”.

Por último, a representación galega: Uxía e NARF, dúas voces imprescindibles, que percorreron algúns dos camiños máis interesantes da música galega das últimas décadas. Veñen de presentar as “Baladas da Galiza imaxinaria”, onde recuperan algúns dos temas máis coñecidos do seu repertorio, ao tempo que crean outros novos xuntos. Unen os seus pasos para mesturar sons e afinidades, compartindo dúas bagaxes diferentes pero coherentes: un encontro con raíces no rock e na música tradicional, asentado no gusto polas boas cancións.

AXENDA

Facebook

5 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook