Antía Muíño “Carta aberta”

Febreiro 08, 2023

Segredo a voces, revelación, promesa da música de autora galega … talvez xa teñas escoitado algunha destas cualificacións canda o nome de Antía Muíño. Hai algo máis de dous anos coñecímola por un vídeo en youtube coa canción que agora titula e brilla no seu debut. Dende aquela até este álbum debut foi compartindo máis cancións, presentouse en concertos ao vivo, foi a voz elixida por Xabier Díaz para acompañalo no seu disco “Levantarse e caer”, invitada en gravacións de compañeiras de discográfica como Mel ou Néboa e recibiu o Premio Martín Códax á mellor artista emerxente. A súa voz fermosa non deixa indiferente e non poucos agardabamos unha colección de cancións para saber que máis nos ofrecería estilisticamente.

Esta carta de presentación está aberta a varias tendencias, como a canción de autora, a música tradicional, o jazz vocal, o “easy listening” … e idiomas, pois non só canta en galego, senón que tamén o fai en castelán (“Noviembre”, a outra letra propia do disco) e francés (o clásico medieval “Une jeune fillette”) … Seica aínda escrebe menos que versiona ou reinterpreta, pero cómpre salientar as cancións que constrúe a partir de versos de Manuel María (“Terra”) , Carvalho Calero (“Nunha estrela”) ou María Mariño (“Mar de fondo”). Ademais, non sae mal parada de se atrever con cancións tan revisitadas como “La llorona” ou “Alalá de Muxía”, así como dos aires tribais do “Tango de Oural”. 

Estaba xustificada a expectación? Pois si. A súa exquisitez vocal preséntase canda unha gravación con poucos instrumentos, coa pretensión de non nos distraer ou eclipsar nin un chisco da voz e a guitarra da protagonista. Ademais deducimos que a nosa protagonista ten bastante claro o que quere pois ela mesma se encarga da produción artística canda Miguel Arribas, que abre o disco co seu saxo na relectura da tradicional “Canta, miña compañeira”. Para completar a instrumentación, o propio Arribas encargándose tamén dos teclados e Nera Quincoces das percusións, igual de comedidas e precisas. Elegancia, bo gusto, personalidade e a emoción que transmiten as boas intérpretes. Nomes? Silvia Pérez Cruz, Norah Jones, Fiona Apple, Diana Krall, Tracy Chapman, Anni Di Franco …

Pepe Cunha, 8-febreiro-2023

Podes escoitalo no bandcamp de Raso

repertorio:

Canta, miña compañeira
Carta aberta
Terra
Mar de Fondo
Noviembre
Nunha Estrela
La Llorona
Tango de Oural
Une Jeune Fillette
Alalá de Muxía
Herba de Namorar

 

AXENDA