Billeteira: 981 704 300
aCadaCanto, o noso supergrupo acústico. As Pontes, 11-out-13
Hai tempo que os músicos veñen adoptando formatos máis reducidos e, por ende, máis económicos en canto á infraestrutura, feito favorecido en boa parte pola crise (ou estafa). Podería ser este o caso de aCadaCanto, formación con dous vocalistas e unha instrumentación case mínima: guitarra, acordeón e algo de percusión. Porén, na gravación do disco non tiraron de máis acompañamento musical, confirmando que a proposta non responde tanto á economización de recursos como a unha procura da intimidade, a proximidade, o non distraer o ouvido do miolo básico de cada canción que interpretan. Os vídeos adianto que colgaran na internet (“Teu nome por mar e terra” e “Desafío”) xa apuntaban esa atmosfera romántica, relaxada, nunha sala de estar coas copas de viño e as olladas a só uns metros, atentas, cómplices.
Achegámonos ao seu concerto no Cine Alovi, nas Pontes, para constatar se eran quen de crearen ese ambiente co público, de conectaren coa audiencia coma eles semellan facelo no palco. A posta en escea tamén é sobria, recatada pero visualmente efectiva. Desde os lados, os músicos arroupan: Xosé Lois Romero (acordeón e a percusión) e Guillerme Fernández (guitarra). No centro, dentro da nube sonora, Guadi Galego e Xabier Díaz brillan nas voces en dúos, en solitario ou facendo cadanseus coros. Repasemos a valía sobre as táboas: a guitarra e a voz de Berrogüetto, a anterior vocalista desta banda e un multiinstrumentista experimentado en diferentes formacións e proxectos anovadores do tradicional (Vaamonde, Lamas & Romero, Nova Galega de Danza …).
Como cómpre, o corpo do concerto son as cancións do único álbum común, alternando as versións (“Astronauta lírico” do brasileiro Vitor Ramil, “A misteriosa” de Santiago Auserón), as composicións propias (“A lírica do silencio” e “A forma do amor” de Xabier Díaz; “Lúa”, “Coplas de estrelas”, “Aurora nordestina” e “Desafío” de Guadi Galego), adaptacións de poemas (“Mar maior dos namorados” de Álvarez Blázquez) e pezas tradicionais (“Dous meses”) e algún regalo (Carlos Rivero “Teu nome por mar e terra”, a canción que repetiron nos bises, e “Vexo” de Ico “Sonoro Maxín”, como peza máis festeira). Para completaren con gusto a velada, a simpatía nas presentacións e as visitas a outros traballos editados tamén polo selo “Músicas de salitre”: “Espido” (Guadi e Guillerme), “Músicas de Salitre” (Xabier Díaz e Guillerme Fernández) ou o máis colectivo “Arrolos de salitre”.
Unha cita con aCadaCanto produce unha dose necesaria de desconexión da voráxine cotiá e enche o ánimo de folgos. Uns músicos que exercen de amigos e anfitrións fannos gozar relaxadamente do bendito ruído das súas voces e instrumentos. Se no mundo de rock se fala de superbandas, aCadaCanto podería ser unha superbanda galega da canción folc.
Pepe Cunha, 15-out-2013