A receita que non cansa. Festival SinSal Simón, 24-25-26 xullo 2026

Agosto 05, 2026

momento da actuación de Merina Gris

Hai quince anos estiven no debut do Festival Sinsal en San Simón e verán tras verán constato que non perde un chisco da súa frescura e atractivo. O paso das edicións serviu para axustar detalles que xa chegan a ser case imperceptíbeis para o público que repite. Ao non se basear na popularidade das artistas que actúan, a súa fórmula máxica non cansa: unha localización idílica e unha organización exemplar e respectuosa que ofrece un cartel de artistas segredo e singular. Ademais, a loxística complexa de levar equipos, público e artistas ao arquipélago no medio da Ría de Vigo e convivirmos alí varias horas lévana a cabo cun trato próximo e agradábel.

Neste contexto tan favorábel, tanto quen se achegan por primeira vez como quen recuncamos, abrímonos á unha oferta musical feita para descubrirmos. Si, si, descubrir, alimentar a nosa curiosidade e apreciar a oportunidade de ver artistas e propostas pouco habituais. Aquí si que a produtora Sinsal é da vella escola, da que traballa ao longo do ano con criterio para ofrecer diversidade e diferenciación ben entendidas. Trátase de que cada xornada na illa sexa especial, convenzan máis ou menos as propostas. E se xa colliches o abono dos tres días -que dicir!-, máis emocións que levas.

Esta cocteleira sonora évos moi ecléctica. Caben músicas de raíz e de vangarda, modernidade e propostas máis familiares ou sorprendentes, pero sempre a se complementar con sentido e apostando en especial polo talento feminino, bandas emerxentes e estreas tanto na Galiza como no estado. Todo complementado con información sobre a importante historia da illa e actividades paralelas como a gravación en cilindros de cera. A estas alturas alguén necesita comparar cos festivais habituais? Ademais, este ano ampliaron a idea e a programación a principios de agosto en Vigo e o Camiño Portugués. Algo estarán a argalllar.

 

Entre os meus concertos favoritos deste ano salientaría o dos donostiarras Merina Gris, unha proposta de “pop violento” (sic) sólida e poderosa no musical e no visual. Se non fixese tanta calor á súa hora diante do palco grande terían arrasado masivamente. Tamén repetiría sen dubidalo a actuación de Mary Ocher. A súa traxectoria vital e musical prometía: nacida na Rusia, criada despois en Israel, afincada en Alemaña, vetada por su compromiso político e cunha discografía tremendamente ecléctica. Non defraudou en absoluto as expectativas pois estivemos atentos a todo o que cantaba e dicía, political karaoke incluído. Cunha voz notabilísima e acompañada por bases, piano ou guitarra, lembrounos nomes como Laurie Anderson, PJ Harvey, Kate Bush …

Nunca faltan as propostas que chegan de Áfirca e este ano tivemos dúas de Mali que brillaron con contidos ben diferentes. A máis bailábel e colorista de Ben Zabo a fusionar afrobeat con rock e funk e a máis recollido e rica en matices de Virginie Dembelé, do mellor do festi se gustas dos ritmos étnicos “menos occidentalizados”.

Tamén son presenza segura día a día e ano tras ano no Sinsal as sesións de DJ no escenario Malmequeres, as propostas bailábeis e algo un chisco máis … frívolo, freaky ou desenfadado. No escenario grande e con espazo abondo diante, dous dúos, o británico AK/DK e o colombiano Indus, fixeron vibrar o persoal con sintes e ritmos machacóns e atemporais. Os primeiros con doses máis de kraut e os segundos de psicodelia. Esa lixeireza ou distensión que apuntaba antes volveu vir asociada ao italo-disco que nos regalaron as GiGi Girls desde Alemaña até o palco dos Buxos.

Alí gañaron as xaponesas Ni-hao!!! o público co seu “cheer punk”. Son pura simpatía, loucura e entrega en cancións directas e breves. Resultou unha actuación divertida e ben acaida para ese formato de 50 minutos. Porén, esa duración quedoulle algo breve, por interactuar abondo co público, a Júlia Colom, que trouxo desde as Baleares a súa fermosa canción folk de autor ao escenario máis recollido na Illa de Santo Antón, onde o domingo estiveron os Mocho Gris, o proxecto cheo de matices e influencias contemporáneas do galego Lucas de Centi e o portugués Joao Neves, desta vez reforzados con Femme Falafel e Miguel Arribas.

A outra presenza galega en canto a concertos foron os Skanderani , cunha interesante invitación ao baile a base de sons árabes, psicodelia, afrobeat e outras herbas. Tamén no escenario Buxos. desde Valencia e pasando por estilos desde o shoegaze até uns Yo La Tengo e pingas de flamenco chegaron Gazella que, como Mocho Gris, espertan opinións encontradas pero positivas pois apelan ao máis verde ou máis maduro das súas propostas, iso si ambas interesantes e ambiciosas. O británico de pais de Serra Leoa Nadeem Din-Gabisi cumpriu no papel de one-man band apoiado na súa mesa e rapeando.

 

Desde a apertura do venres cos portugueses Travo e as súas maneiras de trash rock ora progresivo ora psicodélico até e o final máis festeiro e simpático dos sevillanos Juventude e a súa amálgama de estilos desde o pop sesenteiro, algo de psicodelia, kinky … o SinSal deste 2026 pareceume dos máis completos, dos que máis gocei e en boa parte axudou a redución de actividades ou mini-concertos que outros anos chegaban a saturar e mesmo solaparse. Iso si, a quen queremos non perder case nada, porque para quen o precise relaxarse e descansar hai illa abondo.

Cos anos gastei adxectivos cos que describir a experiencia Sinsal en San Simón, mais o que teño claro é recomendala para vivir e entender que debemos apoiar os festivais respectuosos, co público, coa contorna e coa cultura. Nisto, o SinSal é referente absoluto.

Pepe Cunha, 27-xullo-2026