A naturalidade de Madeleine Peyroux, ciclo Jazz in Blue, Teatro Rosalía de Castro, 26-abril-2013

Abril 26, 2013

A canadiana deixara moi bo recordo hai uns anos no seu paso polo Festival de Jazz de Pontevedra. Daquela gustara de tocar ao aire libre, na bonita Praza da Ferrería e agora regresaba a Galiza para actuar nun fermoso recinto pechado, o Teatro Rosalía de Castro. As entradas esgotadas días antes respondían á sona daquela actuación, pois moita xente repetía ou viña recomendada. Ademais a súa produción discográfica mantén o nivel disco tras disco e as propostas de jazz vocal feminino funcionan ben. Fano especialmente cando son pródigas en recreacións de cancións máis ou menos coñecidas do universo pop-rock. E nisto de facer súas as cancións, a Peyroux non adoita pinchar.

Nun Rosalía ateigado de público principalmente maduro, a Peyroux repasou practicamente enteiro o seu recente “The Blue Room”, un aĺbum inspirado naquel revolucionario “Modern Sounds in Country and Western Music” do mestre Ray Charles. De feito, son varias as versións que tamén ela fai: “Bye Bye Love”, “You Don”t Know Me”, “Born To Lose”, “I Can”t Stop Loving You” e “Take These Chains From My Heart”. Neste último disco acompáñaas de pezas de compositores máis recentes, como Leonard Cohen, Randy Newman e Warren Zeavon, máis na liña dos seus traballos anteriores, que foi visitando durante a velada. Os ingredientes podían bastar, pero nesta cita contou non só cos seus músicos habituais, senón tamén co apoio excepcional dun cuarteto de corda con músicos dunha formación local. Tras o escoitado, podemos considerarnos unha audiencia privilexiada por gozarmos dun brillo musical definitivo que, probablemente, elevou o concerto de correcto a notable. Que fermosura de son ían repartindo: as cordas en “Desperadoes…” e a versión de Gainsboug, os solos de piano, as improvisacións en “I Hear Music” …

Dentro dunha atmosfera de formalidade e elegancia, Peyroux amosouse próxima e natural, transmitíndo simpatía, comodidade e agradecemento por tal compañía de músicos e audiencia. Comentou que ía interpretar os seus tipos favoritos de cancións: as de amor, os blues e as de beber, pero hai que recoñecer que non en todas sae ben parada. Ela procura con boa intención dar certa variedade ao repertorio (pingas de swing, boogie ou rhythm and blues), pero quizais non saca moito partido das pezas máis recoñecibles ou simples no textual, que quedan no complaciente (“Bye Bye Love”, “I Can”t Stop Loving You”… ). Pero … ai, cando colle letras con máis fondo ! Eses textos de Cohen, Dylan, Zeavon ou Newman acadan outra dimensión cando os interpreta, cando masca cada frase ou imaxe amarga (as “bitter love songs de Dylan, por exemplo), cando pon a súa voz na pel de narradora, cando se libera, cando pode chegar ao aloumiño ou ao chío case estridente, cando os músicos teñen que se apoiar nas olladas para entrar no momento preciso. “I have tried in my way to be free”.

Coas súas recreacións de “Guilty”, “Desperadoes Under the Eaves” (adeviñen quen contestou á pregunta de “alguén aquí que coñeza a Warren Zeavon?”), “You”re Gonna Make Me Lonesome When You Go” ou “Bird On the Wire”, Madeleine Peyroux amosa que está un ou dous chanzos por riba doutras intérpretes dotadas que fan versións e acompañan unha dose de presenza física agradable. Porque nisto de facer boas versións non chega coa destreza, a imaxe e o material escollido. O importante é crelo e transmitilo. Que nolo digan a quen sufrimos unha insípida versión de Dylan por Diana Krall na Quintana.

Madeleine Peyroux gozou e nós tamén. Un repertorio ben distribuído, uns músicos notables (ben viamos como ela mesma escoitaba con atención as partes instrumentais), e un teatro até os topes.

Pepe Cunha, 1-maio-2013

“Take These Chains From My Heart”
“Don”t Wait Too Long”
“Bye, Bye, Love”
“You Don”t Know Me”
“Guilty”
“Changing All Those Changes”
“Half the Perfect World”
“La Javanaise”
“You”re Gonna Make Me Lonesome When You Go”
“Bird On the Wire”
“I Can”t Stop Loving You”
“Dance Me To The End of Love”
“Desperadoes Under the Eaves”
“I Hear Music”
“Born To Lose”
“Instead”

“J”ai Deux Amours”

“Walking After Midnight”

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
O xoves comeza o Revenidas e estes son os seus horarios.Quedan entradas.⏰ 𝗛𝗼𝗿𝗮𝗿𝗶𝗼𝘀 𝗥𝗲𝘃𝗲𝗻𝗶𝗱𝗮𝘀 𝟮𝟬𝟮𝟰 ! 🎶📆 Estabades ansiosos por eles e aquí os tedes 👈📝 Estes serán os horarios dos concertos do #Revenidas2024 👈🔴 Tanxugueiras ⚫ Dubioza Kolektiv 🔵 La Pegatina🔴 Fillas de Cassandra⚫ Narco 🔵 Talco 🔴 Balkan Paradise Orchestra⚫ Lontreira🔵 Loita Amada🔴 Serial Killerz⚫ ETS (En Tol Sarmiento)🔵 El Kanka🔴 Lendakaris Muertos ⚫ Guadi Galego🔵 The Rapants ⚫ Mafalda - ÚLTIMO CONCERTO EN GALICIA🔵 La Fúmiga🔴 Lágrimas de Sangre - ÚNICO CONCERTO EN GALICIA ⚫ Caamaño & Ameixeiras🔵 Los Niños Jesús 🔴 Vértebras⚫ The Tytes 🔵 Miss Bolivia🔴 Muchachito Bombo Infierno⚫ Xavi Sarriá - ÚLTIMO CONCERTO EN GALICIA🔵 Trashtucada🔴 Rebeliom do Inframundo - CONCERTO ESPECIAL⚫ Dakidarría 🔵 De Ninghures - CONCERTO VIBRA MAHOU🔴 Catuxa Salom - CONCERTO VIBRA MAHOU⚫ Uxía Lambona e a Banda Molona 🔵 García MC 🔴 Muyayo Rif⚫ La Duendeneta 🔵 La Yaya Dj 🔴 Mekanka Rolling Band🎟️ Merca xa o teu abono ou a túa entrada de día, antes de que muden de prezo o próximo martes día 3 de setembro, en www.revenidas.com 👈🐟 #Revenidas 2024 do 12 ao 15 de setembro en Vilaxoán 🎶#Revenidas #Vilaxoán #DeputaciónDePontevedra #XuntaDeGalicia #RíasBaixasFest #Galicia #RíasBaixas #Xacobeo #OFestivalDasLinguas #VibraMahou #PacoLola #Sonen Concello Vilagarcía de Arousa Deputación Pontevedra Turismo Rías Baixas Cultura de Galicia Xunta de Galicia Turismo de Galicia Camino Xacobeo Vibra Mahou Deleite Gadis PACO & LOLA Alma Atlántica Arehucas ... See MoreSee Less
Ver en Facebook