Coidar a esencia, clave no SinSal de San Simón. 21-22-23 de xullo de 2023

Xullo 27, 2023

Comezar esta crónica coa mención ao cambio significativo desta edición ten unha intención clara. A organización recuperou o escenario da Illa de San Antón (si, son dúas illas unidas por unha ponte de pedra) para reservalo a propostas máis intimistas, as que precisan do máximo respecto e silencio. O colectivo Sinsal sempre se caracterizou por traer propostas fóra do habitual e en consonancia coa súa curiosidade e a do público que desde os comezos respondeu. Porén, nos últimos anos constataron a presenza crecente de persoas que manifestan un comportamento máis próximo a outras citas populares e multitudinarias; enténdase menos atención aos concertos e máis balbordo. Co risco de que se entenda o comentario como elitista, digamos que este festival non é para a maioría. As razóns son obvias e diferenciadoras: unha localización protexida que implica viaxe en barco, entrada limitada, cartel musical secreto e con artistas (case) descoñecidas, … Iso si, todas somos benvidas cunha actitude educada, respectuosa e acorde ao que se ofrece e pide en canto a escoita e convivencia.

Un dos codirectores falábanos de “vender epifanías”, que todo o esforzo se xustifica con que unha asistente viva un momento único, de cambio na súa perspectiva ante a música e, talvez, a vida. E para non poucas este momento ben puido ser o concerto da xaponesa Hatis Noit e en especial a canción que compuxo en Fukushima (si, a do terremoto e o tsunami) e a introdución que dela nos fixo. Regalounos un concerto “só” coa súa voz e o uso dos loopers para construír unhas atmosferas que nos atraparon con sutileza. Na mencionada canción, baixou do palco e, como se parase o tempo, andou lene até as pedras que nos separaban da auga. Nese mesmo palco, a atención e o respecto totais foron o venres para o folk-rock de guitarra e voz da estadounidense Jesca Hoop e o domingo para o dúo de Seul Dal:um, que nos hipnotizou con dous instrumentos antigos: gayageum e geomungo. Todo un acerto ese palco “silencioso”, coa colocación de cadeiras que favorecen a atención e lembran ao público onde se atopa. Non obstante, e aquí temos un aspecto a revisar, escoitábase o concerto da illa de San Simón, único momento onde se solapan dúas actuacións, algo inusual no SinSal pero xustificábel neste caso: cómpre ofrecer unha opción musical a quen non estean polas propostas máis intimistas. E sen abandonar a illa pequena, sinalar que no pequeno cemiterio tamén puidemos gozar de pílulas duns 15 minutos a cargo de instrumentistas da Orquesta Clásica de Vigo: un quinteto de ventos o sábado e un cuarteto de cordas o domingo.

Aínda que poderiamos xustificar a asistencia ao festival xa só por estas experiencias musicais inusuais, e as que repasarei deseguido, nunca está de máis sinalar o contexto que fai que este festival resulte atractivo para os medios xeneralistas e de tendencias. Sen saber quen van tocar desprazámonos en barco desde Meirande ou Vigo á Illa de San Simón, lugar con moita historia a conservar (mosteiro, lazareto e campo de concentración). Alí atopamos recunchos abondos e idílicos onde nos relaxar. Ademais, preséntase unha oferta gastronómica escollida cun agarimo acorde co que pon a organización para que unha loxística tan complexa funcione coma un reloxo e os horarios se cumpan. Asemade, créase un ambiente familiar no que conviven artistas e público e que sorprende ás menos melómanas ou máis afeitas a grandes eventos. E, por se non abondase, hai oferta de actividades alternativas para peques e maiores que recomendo revisar na páxina do festival https://festival.sins.al/es e entre as que aquí sinalo o privilexio de asistir á gravación dunha peza breve nun cilindro fonográfico como os de finais do século XIX. Todo nunha fin de semana na que nos acompañou o tempo malia ese sol que bate de cheo a certas horas.

Unha vez contextualizado, repaso a oferta ecléctica nos palcos principais (o máis pequeno dos Buxos e o grande de San Simón) e tiro de etiquetas orientativas. Na xornada, máis breve, do venres tivemos delicatessen para atender con silencio como as voces fermosas das estonianas Duo Ruut e a súa interpretación dun instrumento local considerado por alí “un-cool”; a fusión de música tradicional portuguesa con electrónica da portuguesa Ana Luca Caiano: e momentos para entregármonos ao baile instrumental co funky psicodélico suave dos holandeses Yin Yin e o post-rock con pegada jazz dos belgas Tukan. Mais foron as coreanas ADG7 as gañadoras do público por ese plus de exotismo, colorido e simpatía que amosaron. O DJ final mentres os barcos ían saíndo foi DJ rnstdj. Semellaba que un ano máis, o Sinsal de San Simón non defraudaba.

fotos en instagram do venres

A xornada de sábado mantivo o nivel de variedade e calidade: free jazz-kraut cos estadounidenses Horse Lords, a relectura do reguetón desde unha perspectiva feminina con Clara, a suma de tradición + virtuosismo + diversión e actitude punk do dúo estoniano Puuluup, as letras combativas entre un son afrofunk e influencias urbanas dos nixerianos Ruth Mahogany & The Arb Music Band; a banda coreana Leenalchi combinando pansori con ritmos occidentais e lembrando uns B-52’s; un rock máis psicodélico cos franceses Brama e o ímpeto indomábel da angolana Pongo fusionando sons do seu país de orixe con outros ritmos africanos, kuduru e moito máis. Fechou a xornada DJ Clara!

fotos en instagram do sábado

O domingo foi un día claramente viaxeiro e entrelazado de culturas aberto desde a propia Galiza coa confirmación do dúo galego de electro-tradi-clásica Fillas de Cassandra; desde Nixeria chegaron os tambores falantes de Ara Queen of Drums; tivemos rock con fuzz árabe a cargo de Al-Qasar feat. Alsarah; electrónica do leste de África co produtor, bailarín e coreógrafo ugandés Faizal Mostrixx; a actualización da cumbia colombiana desde en Nova Iorque polo Combo Chimbita que lidera a voz de Carolina Oliveros; a enerxía reivindicativa do trío Avalanche Kaito formado por un griot urbano burkinés e un dúo de noise punk belga; e un concerto final á altura dunha das grandes edicións do SinSal: desde Bristol chegaba Grove para nos atrapar coa súa entrega total, letras directas á conciencia e unha mestura abafante de jungle, drum’n’bass, electrónica ou hip hop. A retirada foi con DJ Sonido Tupinamba

fotos en instagram do domingo

Probar a experiencia do SinSal de San Simón é achegarse a concertos que serán únicos ou especiais na túa vida, así como pasar a xornada nun lugar idílico, nunhas illas cunha historia que cómpre non esquecer. Por iso é recomendábel adaptarse a un contexto onde escoitar a música é parte esencial, con respecto e atención ás propostas que levan “selo SinSal”, un selo alonxado do de sempre, e por iso máis amplo que excluínte. Se queres músicas diversas, desde o máis bailábel até o máis intimista, artistas prometedoras ou pouco coñecidas, arriscadas, únicas, que non participaran en edicións anteriores e na súa maioría debuten en Galiza ou España … Guess that this must be the place, que cantaban os Talking Heads. E se algo non che gusta ou cansa, tes espazo para te arredar dos palcos. Persoalmente, marco na miña axenda estas datas para seguir a alimentar orellas e mente con curiosidade, convivencia, respecto e cuestionamento dos prexuízos. 

Pepe Cunha, 27-xullo-23

AXENDA