Gañadores dos Premios Galegos da Música Martín Códax

Decembro 14, 2013

nota:

Os primeiros PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX entregáronse no transcurso dunha gala chea de expectación e vivida con moita ilusión por máis de seiscentas persoas que se deron cita no Pazo da Cultura de Pontevedra, co convencemento de estar asistindo a un momento histórico. Os Chévere, directores artísticos da gala, non defraudaron e puxeron en marcha toda a súa maquinaria para arrincar unha vez máis as gargalladas do auditorio nunha sucesión de sketches moi ilustrativos da realidade musical en Galicia, sempre desde o seu particular enfoque cómico-crítico. Acompañando aos seus sketches houbo música electrónica cun Dj, un trío de percusionistas, un pianista, un acordeonista, e unha sorpresa final: a actuación dos rapaces da Orquestra Manuel Quiroga como metáfora do futuro da música en Galicia.

Pero por suposto, os momentos máis emocionantes vivíronse co anuncio dos gañadores das 13+1 categorías convocadas que quedaron do seguinte xeito:

Pop e indie
Eladio y Los Seres Queridos

Rock, blues, funk &soul
NARF

Jazz e músicas improvisadas
Abe Rábade Trío

Hip-Hop e músicas urbanas
Dios ke te Crew

Música clásica e contemporánea
Taller Atlántico Contemporáneo

Folque
Berrogüetto

Música tradicional galega
Treixadura

Músicas do mundo
Banda Crebinsky

Música infantil
Mamá Cabra

Electrónica
Das Kapital

Metal
Machina

Reggae, ska&mestizaxe
Transilvanians

Orquestras, grupos e música de verbena
A Magnifique Bande

Premio Honorífico
Antonio Cruz Arévalo ‘Peri’

A directiva de Músicos Ao vivo materializaba así o seu empeño por dotar duns premios ao sector da música en Galicia. Na súa intervención, o voceiro de Músicos Ao Vivo, Xacobe Martínez Antelo, deu as grazas a todos os implicados neste proxecto “por entender que estes premios eran inaprazables, e que son de todos e todas nós, de todo un sector, tan inmenso e tan rico, que non caberá nunca nestes 14 premiados, nestes 39 finalistas, nestes 521 proxectos que se inscribiron nesta primeira edición”. Antelo deixou claro que “estes premios nacen para quedarse, que ninguén o dubide, e son a punta microscópica dun iceberg musical que non somos quen de imaxinar”. Neste sentido, o voceiro de MAV convidou á administración e á industria a trazar unha estratexia para facer rendible todo o potencial da música galega que é “un sector estratéxico e eficiente como poucos nun contexto económico tremendamente competitivo”. E incidiu na riqueza que supón o feito de ter ”unha identidade diferenciadora e única nun mundo globalizado”. Por último, dirixiuse aos músicos para animalos a asociarse porque “asociándonos recoñecémonos como iguais, defendemos e dignificamos a profesión, e comunicamos mellor as nosas inquedanzas”.

Premio Honorífico Músicos Ao Vivo

Ademais, entregouse tamén o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda a carreira artística de un/unha músic@ galeg@, que este ano foi a parar a un Antonio Cruz Arévalo “Peri”, moi emocionado, que recolleu o premio coa súa habitual alegría e modestia. A decisión de concederlle este galardón, tomada por unanimidade pola xunta directiva de MAV, premia a traxectoria exemplar de tantos músicos anónimos, neste caso a do ‘Peri’, que sempre foi un músico de retagarda, de sombra, desa última copa co local pechado, e nunca demandou focos, atención, nin titulares. Aquel batería que con 17 anos marchou de Galicia porque o arcebispado prohibía facer música 45 días seguidos por cuestións de axendas divinas, non parou máis. Para os que hoxe se dedican á música de xeito profesional, botar a vista atrás e recoñecerse nun batería que polo ano 1958 xa andaba enleado en métodos, estudios, ensaios, gravacións, xiras, etc… fai que se sintan parte dese mesmo motor que leva tirando de tantos músicos xeracións tras xeracións. Nos I Premios Galegos da Música Martín Códax tocaba recoñecer a un músico que sempre tivo as portas abertas ao resto dos músicos, foran de onde foran, e viñeran de onde viñeran. Un batería que pasaba pasmosamente de profesor a alumno nun abrir e pechar de ollos. Un tipo inmenso, cun corazón de tumbao, e cunha mirada de rumba, que aínda hoxe, pasados os 70 anos, fala de música e resplandece. Este premio foi entregado por María Garrido, directora de Marketing das Bodegas Martín Códax -principal patrocinador do certame-; e Luis Mendo, representante da entidade colaboradora dos premios, AIE (Asociación de Intérpretes e Executantes).

As estatuíñas dos premios

A colección dos 14 melómanos labrados en madeira de cedro polo escultor Víctor Lorenzo foi un dos temas máis comentados da noite. O seu traballo gustou tanto que, aínda que nun primeiro momento MAV tiña pensado encargar estas pezas a un artista galego diferente cada ano, é posible que os ‘Melómanos’ se convertan definitivamente nos ‘Oscars’ da música galega. Entregáronse 7 figuras masculinas e 7 femininas que simbolizan o compromiso coa igualdade, un tema que o voceiro de MAV quixo trasladar tamén ao auditorio, recordando que “as mulleres deben ter máis presenza nestes premios e na propia Asociación de Músicos Ao Vivo. Sobra talento feminino na música galega, e non se ve reflectido aquí”. Antelo engadiu que MAV non se conforma con esta situación e que loitará polo aumento da cota feminina nas vindeiras edicións.

A esta primeira gala dos PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX acudiu en representación da Xunta de Galicia, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Por parte dos anfitrións, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro; e como representante do principal patrocinador do evento, María Garrido, directora de Marketing das Bodegas Martín Códax; que estiveron acompañados doutros patrocinadores, colaboradores e simpatizantes dos premios; dos finalistas; dos socios de Músicos ao Vivo; e dun numeroso público que rematou esta noite de celebración cunha festa na Sala Karma de Pontevedra.

A gala foi retransmitida en directo por STREAMING GALICIA a través da web dos premios www.premiosgalegosdamusica.com/newspapers/streaming e tamén será programada na grella de TVG durante este nadal.

álbum de fotos de Pixelín Cunha

AXENDA

Facebook