Zurrumalla

Xaneiro 25, 2013

Zurrumalla, é unha formación que leva once anos estudando e tocando por toda Galiza a música tradicional, e que conseguen de cada actuación unha festa; cun estilo musical baseado no tradicional e achegándose a un folk propio, aportan composicións e arranxos que farán as ledicias do público. Unha sorpresa de vitalidade, e novos aires na nosa música. Recollendo estes once anos de percorrido, Zurrumalla edita un traballo discográfico en dous CDs, que inclúe un repertorio de vintecinco pezas titulado; O que había e… O que hai. Un dobre CD no que, a primeira parte está adicada ás pezas que tocaron ao longo dos primeiros sete ou oito anos de andainas (esta primeira parte leva por título O que había), e a segunda (titulada O que hai) a temas máis recentes e de composición propia. Agradecen ao público que comparta con eles este colo agarimoso e arrequecedor da música tradicional. Zurrumalla naceu como grupo alá por febreiro do ano 2000 cando un grupo de amigos decidiron dar pulo aos seus anceios e ás súas inquedanzas musicais. Dende o inicio, co esforzo e o tempo roubado aos seus quefaceres cotiáns para os ensaios por acá e acolá, foron quen de ilusionarse e gozar coas notas que ían arrincando á historia e tradición musical da terra. Arredor dela, crearon un universo no que se sentiron unidos, ledos e fachendosos. O seu desexo é compartir ese gozo, esa ledicia e esa fachenda amais de que entre todos e todas, dignifiquen a tradición. Por iso, durante estes anos de vida o grupo, e ao longo dos moitos concertos pola xeografía do país, procuraron ofrecer o mellor que como gaiteiros podían arrincar deles mesmos. Zurrumalla son: Patri González (pandeireta, pandeira e voz), Carlos Sabariz, ‘Pelouro’ (bombo), Suso Comesaña (gaita, saxo soprano e voz), Juan Comesaña, ‘Viti’ (tamboril), Nacho Álvarez (acordeón e voz) e Bieito Lobariñas (gaita, cunchas, pandeireta e voz). Contando coa colaboración habitual de Luís Correa, ‘O Caruncho (requinta e voz).

www.myspace.com/zurrumalla

AXENDA