zënzar “vaise armar”

Maio 05, 2012

A piques de cumprir os seus 25 anos, a banda xurdida de Cerceda goza de moi boa saúde. Os seus directos soan contendentes e os seus últimos traballos, “Sigue e dálle” (“06) e “A “tribu” (“09), son os mellor acabados da súa traxectoria. Polo menos até agora, pois esta nova colección de cancións vén refrendar aínda máis a madurez do seu rock de compromiso, denuncia e forte carga social. Sen perderse en grandes sorpresas ou golpes de temón, seguen achegándose a diferentes estilos. Para isto, acompáñanse de amizades doutras bandas e así redondean as diferentes cancións: Mou “Dios Ke Te Crew”, Vituco “Ruxe Ruxe”, Mario “Invivo”, Pablo da Lama (frauta e gaita), X M Ares (gaita),

Desde o principio, chama a atención a produción de Javier Abreu, que lles acae impecable para reflectir a enerxía e paixón polo rock (“suda aquí con nós e brinca co rockanroll”, cantan na reflexiva “Todo vai ben”). As guitarras soan auténticas, a base rítmica é un canón é a voz de Bocixa fica no sitio xusto para darlle protagonismo ás letras. Sen ir máis lonxe, a peza que titula o disco serve coma botón de mostra. Sen dúbida, a maior parte destas cancións entrarán desde xa nos directos pola súa inmediatez e falta de artificios.

“Vaise armar” son doce cancións, moitas delas con letra de Javier Pardeiro, que non morden a lingua e van a cara descuberta, como nas fotos do libriño. Os brancos das súas verbas directas son os abusos do poder (“Osimandias”), a igrexa hipócrita (“Xustiza” e “Vouvos rebentar”), o desleixo do galego (“O galego”), a rutina (“Atrapado”) e outras eivas deste falso estado de benestar, Non faltan os tipos excluídos socialmente como “Un tipo raro”, a delincuencia contra os delincuentes (“Atraco”) ou aqueles que deberiamos excluír como “O reverendo”, desde xa himno inmediato dos seus directos canda aquela “O padriño”. A amizade e a diversión tamén ten o seu oco en “Os dos Xalo”. Coma agasallo final a esa ducia de cancións, unha reflexión sobre o amor en parella: “Contigo e sen ti”, na que a carismática rabia vocal de Bocixa cede o papel á doce de Loli Nogueira.

Se hai bandas que melloran e se consolidan co tempo, unha é Zënzar.

Pepe Cunha, 5-maio-2012

AXENDA