Con máis de 25 anos e este décimo álbum, un xa non agarda sorpresas dunha banda coma Zënzar. Cuns parámetros estilísticos enganchados ao rock combativo (clásico, heavy, punk … e desta vez con pingas puntuais de ska ou ragga) e co salto que deran con “Sigue … e dálle” (2006), o que cómpre agardar non son sorpresas senón que entreguen cancións máis ou menos celebrabeis. A banda saída de Cerceda segue aí, firme na súa proposta e non vai ser ela quen faga concesións por confluír cunha audiencia maior. Uns extractos de “Cousa pouco seria”, a letra que lles regala Xerendal, fala por toda explicación que un aspire a dar: “Xa chega esa tropa desde a Cochikeira, son anos de rimar e de bourar […] “A culpa foi de Leño e non sabes o porqué” […] Quen defende, aprende e sente arredor toda esa forza en forma de canción”.
Non é unha boutade dicir que o concepto de Zënzar reborda o quinteto. Primeiro pola complicidade na produción de Javier Abreu, que afianza a contundencia e a solidez nun disco que soa moito a directo. Segundo polas colaboracións, nin gratuítas nin forzadas: as habituais de Xosé Manuel Ares á gaita e Xenderal á voz, e tamén as dos Ruxe Ruxe Vituco (voz), Xan (saxofón) e Miguel (guitarra). Na parte das letras, as achegas de Xavier Pardeiro “O Reverendo”, Vituco Neira (Ruxe Ruxe) ou Fosi (Labazada) encaixan coa filosofía da banda: reflexións vitais (Camiñando entre serpres”, “Tira para adiante”…), do amor (“Sempre no corazón” asinada polo guitarrista Mario que, pouco convincente, se atreve a cantala), compromiso social (o dereito a decidir da muller en “A xente fala”), a morte (“Última viaxe”) … E para rematar o círculo de influencia, o traballo notábel do seu amigo fotógrafo Juan Luis Rúa no deseño.
Sen abandoar esas temáticas suman con éxito un par de cancións sobre versos de poetas: a inconformista “Non” de Celso Emilio Ferreiro e “Cortina” de Xosé M. Díaz Castro, que fóra presentada o ano pasado cun videoclip moi recomendábel. Servidor prefire as letras menos obvias ou previsibeis, pero este álbum contén retrousos con vocación de himno como os de “Camiñando entre serpes”, “Nada que perder”, “Adeus amigos” ou “Tira para diante”, onde resumen boa parte do seu carácter: “axitando a conciencia, mollados en suor, a alma vendida ao demo, ao demo do rockandroll”. O novo de Zënzar non defrauda a fans e contén momentos cos que acadar nov@s seguidores.
Pepe Cunha, 21-maio-2015