A banda máis veterana do rock galego chega aos seus trinta e sete anos cun décimo terceiro disco autoeditado. O CD combina cinco cancións novas e unha revisión gravadas nos Estudios Bonham máis catro clásicos interpretados ao vivo na súa festa de 35º aniversario na Sala Capitol. A de Cerceda non é unha banda moi prolífica na composición, así que este novo EP máis o agasallo do directo son motivo de celebración. Non deixa dúbida a peza que abre: “Parabéns” festexa e felicita o público, as salas e festivais “por seghir aí“.
Entre as outras gravacións de estudio atopamos “Son eu”, “Bla bla bla” ou “‘Tou desfeito”, mostras das súas contundencia, autoafirmación e denuncia, do mesmo xeito que celebraren as amizades feitas no camiño. Aquí temos unha revisión de “Ratos no hórreo” (do disco de 2001 “Chegando á casa”) con Juankar Boikot e Manolo Kabezabol e no directo participan Vituco Neira en “Chegando á casa” ou Xenderal en “A forza da palabra”. “Somos criminais” e “Tiven un bar” completan os clásicos que non faltan nuns concertos onde xa non atopamos o guitarrista Paco Cerdeira senón Gonzalo Grela (Machina). Paco cede a remuda tras dúas décadas na banda aínda que si gravou no disco e deixa un chisco de ollo ao seu proxecto Pakolas: o retrouso “Churrasco para vós” é o de “Manolo Cavernario”.
Como ocorre con moitos clásicos do rock, non agardamos novidades no son, na proposta, senón que sigan a propoñer cancións que sumen no repertorio dunha banda que ao vivo soa enérxica e sólida e conta co carisma de Bocixa na voz. “Non vexo no menú moita diversidade / eu quero xantar ben, xa teño unha idade“. Porén, neste contexto boto en falla “Non é casual”, a peza de 2024 que non está en ningún disco.
Pepe Cunha, 4-agosto-2026


