Zavala “Pequeno manual para grandes cambios II (Teor​í​a e pr​á​ctica)”

Xullo 10, 2025

As impresións tan gratas que causou o disco debut de Zavala non tardan en consolidarse, pois este segundo álbum aparece tras pouco máis dun ano, cancións de adianto polo medio. A banda coruñesa-ferrolá consolida a súa proposta de simbiose entre sons electrónicos e orgánicos, ora soando máis clásico, ora máis contemporáneo. Desta vez engaden desde algo de escuridade até melodías máis tradicionais e luminosas, pois en catro temas contan coa colaboración das cantareiras Atalaias de Caión. Nun panorama onde se vende abondo fume, oportunismo, inmediatez e no que prima a presenza nas redes como sexa, Zavala distínguese por se centrar no cerne: traballar a proposta musical, as cancións e os ensaios para crecer artisticamente e ofrecer un bo directo.

A segunda entrega do “Pequeno manual para grandes cambios” amosa continuidade e un chisco de experimentación pero non repetición. Talvez teñan máis presenza ou protagonismo a electrónica e o compromiso social, como anuncia un primeiro corte, “Neptuno”, onde vemos como a vocalista Carla se loce ao estilo spoken-word, que repetirá en “Ti” e “Mundo clon”, outra das letras máis sociais. Sempre coas melodías como punto de apoio e referencia, as cancións sucédense por un universo pop de escoita agradábel, por momentos bailábel, con retrousos tarareábeis pero tamén con miolo, con contido, nas letras e nos detalles sonoros. Ás veces, como nas máis electrónicas e bailábeis “Santa” ou “Funambulista caendo”, poden ter un chisco de neboeiro, pero os retrousos e as melodías sempre abren espazo á luz e algunhas pezas teñen madeira de éxito: “Retrouso do Barqueiro” sen dúbida, pero tamén “Tora tora”, “Agora”, “Arcano XV”, “Santiago-Coruña”, “Santa Marta” … E non falta o achegamento á balada en “Aquí dragóns” ou na final “Antebelum”.

Zavala volven entregar un disco pop ben completo, máis que solvente, fresco e complexo, sen caer no facilón ou os recheos. Malia se tratar de catorce (!!!) cancións, en xeral non eclipsan unhas a outras. Coas escoitas aprézase o nivel de calidade e bo gusto do repertorio e de novo nunha edición coidada e clásica, cun total de 40 minutos entre as dúas caras do vinilo. Se o debut chamou á porta da nosa escena, esta continuación outórgalles xa un lugar de seu no mellor pop en galego. As composicións de Víctor Ledo e o traballo del mesmo, Carla, Elena e “Kos” ben o merecen.

Pepe Cunha, 10-xullo-2025

Escóitao no bandcamp de Ferror Records

AXENDA