Zavala “Pequeno Manual Para Grandes Cambios I (Teor​í​a e Pr​á​ctica)”

Febreiro 17, 2024

Un traballo pode chamar a atención segundo diferentes motivos e padais. Pode soar fresco, saírse do predominante no momento, presentar cancións que funcionan, unha produción ben acaida … e no caso deste debut conxúganse eses factores. A banda liderada pola voz da ferrolá Carla Romalde e as composicións do guitarrista Víctor Ledo mestura con gusto o electrónico e o orgánico, amosa tradición, vangarda, modernidade … e unhas letras que nos falan de vivencias e sensacións do máis íntimo ao social, incluída a crítica de pezas como “Señorita Madrid”. Ana Lage (baixo, piano, acordeón, coros), Elena Zas (piano, viola, coros) e Carlos Castro “Kos” (programacións, bases e visuais) completan unha formación que se presenta cun vinilo á vella usanza: 44 minutos de duración. Nuns tempos de álbums que se cinguen á media hora, aquí temos nada menos que 14 cancións que manteñen un moi bo ton xeral.

Cada unha delas amosa personalidade pop de seu. Ben construídas e cunhas duracións axeitadas, funcionan practicamente desde a primeira escoita, como “Libélulas urbanas”, e sempre está presente un son contemporáneo que ás veces recibe toques do tradicional. Atopamos texturas máis electrónicas en “Domingo eterno” e “Mundo sobrenatural”, onde un suave toque tradi pode ser influencia dunha Guadi Galego, ao igual que n“A tormenta dos pontes errantes” e na máis ghit “Praia do silencio”. Outra posíbel referencia pode ser a proposta duns Delafé y las Flores azules en temas como “Hoxe ” e o cantar impecábel de Carla chega ao máis alto con “O clube secreto dos que odiaban tódolos sábados”.

Zavala non é “só” a voz de Carla e un pop amábel, senón unha combinación coidada de guitarras sintetizadas, samples, bases electrónicas …  con guitarras acústicas, acordeón, pianos, frauta traveseira. Deixemos a un lado posíbeis prexuízos e non confundamos unha factura elegante ou contida con algo eslamiado ou melindroso. Como mínimo, Zavala posiciónase para se facer un oco de seu e aumentar a oferta de músicas en galego.

Pepe Cunha, 17-febreiro-2024

Escóitao no bandcamp de Ferror Records