nota:
A compañía Yllana volve aos escenarios galegos con motivo dunha ocasión moi especial: a dupla celebración do seu 25 aniversario e tamén o do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. E farano como mellor saben: cun novo espectáculo, onde repasan este cuarto de século sobre o escenario cos seus mellores sketches e os gags máis divertidos. A estrea en Galicia de Yllana 25 será o venres 23 no Pazo da Cultura, no FIOT de Carballo, ás 21 horas, e as entradas, a 10 euros, pódense obter desde hoxe en Ticketea.com.
A compañía Yllana intégrana Marcos Ottone, Juan Ramos, Joe O´Curneen, Fidel Fernández e David Ottone. Nesta ocasión, os intérpretes son Fidel Fernández, Juan Ramos, Luis Cao, Juanfran Dorado e Jony Elías. Yllana 25 é a suma do traballo de moitas mentes creativas que, desde os comezos, foron facendo as súas contribucións aos espectáculos da compañía. ”Queremos dar as grazas a todos os artistas e equipo técnico que colaboran ou colaboraron connosco nalgún momento”, afirman.
Yllana é creatividade. Creada en 1991 como compañía de teatro de humor xestual, na actualidade diversificou a súa actividade no mundo das artes escénicas e audiovisuais. A súa aposta céntrase, aínda que non exclusivamente, nun humor sen palabras, irónico e interactivo, buscando no público a máis libre das gargalladas. Un humor universal que soubo chegar a multitude de escenarios por todo o mundo. Desde o seu xenial encontro coa escena, Yllana produciu 25 espectáculos, entre os que cabe destacar: Muu!, Glub Glub, Star Trip, Los Mejores Sketches de Monty Python, Pagagnini, Brokers e Zoo, que se representaron en 44 países e foron vistos por preto de dous millóns de espectadores. Neste 2016 celebran as súas vodas de prata co público.
Pola súa traxectoria, Yllana recibiu galardóns como o Outsanding Unique Theatrical Event por 666 no Fringe Festival de Nova York ou o premio ao Mellor Spectacle Étranger en 1993 do Festival Printemps des Courges de Toulouse (Francia). Dende 1996 xestiona o Teatro Alfil de Madrid.
Culturactiva no FIOT
Culturactiva, distribuidora líder de teatro cómico en Galicia, ten, nesta edición do FIOT, ademais de Yllana, outras compañías, coma, no apartado de actuacións nos bares, Daboapipa. Vero Rilo engaiolará ao público coas historias de Lavandeiras, acompañada pola música de Carlos Quintá, o sábado 1 de outubro ás 22.30 horas no Bulebar Musicafé. O contador Celso Fernández Sanmartín, outro portento da narración oral, ofrece Que contar sempre hai o propio sábado ás doce da noite, no Café bar Colón. O venres 7 será a quenda de Píscore, co seu Concerto singular, no bar A Barra. Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas, coa dirección de Fran Rei, integran Píscore, unha nova formación que mestura virtuosismo musical e comedia. Neste espectáculo, catro músicos enfróntanse a un gran conflito: dezaseis baquetas e unha marimba. Organizarse non vai ser doado… Por último, Sergio Pazos ofrece o seu monólogo Rebento se non o conto o mércores 11 ás 22.30 no Valle Inclán.
O FIOT non só está nos escenarios, grandes e pequenos, senón que tamén se espalla polas rúas, territorio que Culturactiva domina á perfección: Os Sete Magníficos Máis Un ofrecen un divertido espectáculo con dous reposteiros toleiráns (Fran Rei e Pedro Brandariz) como protagonistas, nas inmediacións do Pazo da Cultura o venres 23 ás 19 horas. O venres seguinte, o 30, é a quenda de Trío Refugallo, á mesma hora no Xardín Municipal. Esta nova proposta dos compoñentes de Odaiko e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo mestura clown e música feita a partir de materiais de refugallo.