O ska e a música alternativa abre mañá xoves en Bueu o XVI SonRías Baixas
Os italianos Talco, os valencianos Assekes e os vascos Revolta Permanent porán a música da primeira xornada do festival, a ritmo de ska, punk, rumba, rock, rap e electrónica
Os abonos pódense adquirir en por 40 € máis gastos ou por 18 € máis gastos a entrada de día
Bueu, 1 de agosto de 2018.- A XVI edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os próximos tres días, dará comezo este xoves 2 de agosto. O pistoletazo de saída darano, ás 21h30, os valencianos Assekes, coa súa mestura de ska, rumba e rock alternativo. Despois, será a quenda do ska-punk dos italianos Talco, que ofrecerán o seu único concerto nos festivais de verán galegos. Pechará a primeira noite o rap e a electrónica en euskera de Revolta Permanent. Ao día seguinte, o venres 3, a principal voz do underground suramericano do momento, Sara Hebe, abrirá ás 20h00 unha velada que se prevé intensa. Seguiráa sobre o escenario a peculiar fusión de folclore latinoamericano con ritmos xamaicanos e actitude punk dos Che Sudaka. E, despois, un dos pratos fortes do festival: a única cita galega da xira de despedida da big band valenciana La Raíz. A descarga enerxética dos Desakato, que veñen de gañar o Premio ao Mellor Directo de España e Portugal nos Iberian Festival Awards, e os enfants terribles do garage punk galego, Terbutalina, pecharán a xornada, xa ben entrada a madrugada.
O sábado 4, pola mañá, a Casa SonRías abrirá as súas portas no Recinto da Estacada, onde a gastronomía do Morrazo será a protagonista. Cociñeiros da contorna ofrecerán as súas mellores creacións ao público que queira achegarse ata esta singular casa de comidas musical, onde ás doce do mediodía as Voodoo se subirán ao Escenario Fest Galicia e ofrecerán unha mostra do seu soulk, unha particular mestura de soul e folk, que dará paso a un acústico de Muchachito en solitario e ao acústico dos Dakídarría, que porá o broche de ouro a esta exclusiva e orixinal degustación gastronómico-musical. Nas pantallas, proxectaranse os finalistas do I Concurso de Videoclips Galegos SonRías Baixas, no que a música e o audiovisual se dan a man. A asistencia a estas actividades é gratuíta e os pratos serán despachados en formato tapa a prezos moi axustados. Despois dun breve descanso, a música volverá ao Multiusos da Estacada ás 19h45 coa canción de autor urbana e mestiza de Muerdo; seguida polas cancións libertarias e cheas de humor dos Gatillazo; pola particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría de Muchachito; e polo potente directo dos rockeiros referentes da música en euskera Berri Txarrak. Pecharán o festival os galegos The Skarnivals, habitantes do universo ska, punk e folk.
As entradas para os tres días de festival están á venda por 40 € máis gastos. Tamén se poden mercar só para un dos días, por 18 € máis gastos.
Unha contorna paradisíaca
O audiovisual, a música e a gastronomía protagonizan esta XVI edición do SonRías Baixas que, como sempre, ten lugar nunha contorna paradisíaca, con impresionantes praias –algunhas a apenas cen metros do recinto e a zona de acampada– e espectaculares espazos naturais como o cabo Udra ou a illa de Ons a tiro de pedra en transporte marítimo. E, para quen precise descansar, o recinto do festival atópase no medio da vila de Bueu, o que resulta moi cómodo e accesible. A zona de acampada ten duchas e aseos, servizo de restauración e alimentos de primeira necesidade e zona de carga de teléfonos móbiles e está a un paso a pé da praia urbana da localidade.
Unha proposta irresistible á que dende a pasada edición se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas está producido pola empresa de produción e xestión cultural PlayPlan e conta, tamén, co apoio do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Agadic.
Horarios xoves 2
Recollida de pulseiras: 12h – 00h00
Apertura de billeteiras: 12h – 1h30
Apertura da zona de acampada: 12h
Escenario Super Bock – Recinto Multiusos da Estacada
21h00 Apertura de portas
21h30 Assekes
22h45 Talco
00h30 Revolta Permanent
01h30 AfterParty: Lista de reprodución por Ninhodelosrecaos Dj