Aínda que as túas orellas non estean moi familiarizadas co espectro folque ou tradicional, o nome de Xosé Lois Romero pode sonar de proxectos como Vaamonde, Lamas & Romero, Nova Galega de Danza ou aCadaCanto. Das súas clases de percusión xorde agora Aliboria, un grupo de 9 percusionistas nov@s c@s que presenta “arranxos novos para acompañar temas tradicionais”. Así, de principio, haberá quen pense que non se trata dalgo novidoso. Porén, estamos ante un proxecto que amosa a forza das voces, principalmente femininas, e un feixe de instrumentos tradicionais de percusión co fin de actualizar a nosa visión da percusión tradicional.
O álbum foi argallado e rexistrado ao vivo, en sesións con e sen público, no establecemento rural Casa Gasamáns e coa presenza especial de Aleix Tobías, director do grupo de percusión ibérica Coetus, e o laud de Mario Mas en “De Laxoso a Zobra”. A gravación consegue transmitir a enerxía e a emoción que agroman desta combinación de sonoridades e timbres de voces e instrumentos varios: tarrañola, cuncha, charrasco, tambor, lata, pandeira, tixola, pandeiro, bombo, pandeireta, triángulo … que, por certo, aparecen ilustrados no libriño que acompaña o CD para iniciármonos neste mundo da percusión tradicional. Os temas son máis ou menos coñecidos pero todos son envoltos en ropaxe nova e mesmo son combinados a modo de suites no mesmo “corte” do disco: “Mangüeiro (Olvídame)”, “Caroi”, “Liñares (I) e (II)” …
Aliboria é un proxecto claramente de directo, de percusión e voz, fresco e estimulante, pero cómpre facelo visible nun disco que está á altura e que non podiamos deixar de comentar. A miña recomendación é clara, tanto se es habitual da música tradicional ou folque como se non: achégate a descubrilo ao vivo nos lugares con encanto que procuran visitar. De seguro gardarás a experiencia e talvez te fagas cunha edición física que tampouco deixa indiferente polo agarimo e o detallismo que transmite.
Pepe Cunha, 22-xuño-2016