Xosé Lois Romero & Aliboria “Latexo”

Abril 09, 2020

Cando celebramos hai uns anos a aparición en disco da súa proposta non sabiamos se sería algo puntual. Que percorrido podería ter unha proposta baseada exclusivamente nas voces femininas e a percusión tradicional, moita dela a partir da reinvención de ferramentas ? Non é unha ecuación fácil: conservaren o sabor do tradicional pero achegándoo ou levándoo a outro lugar; ofreceren algo novo, que non resulte súper moderno e se poda recoñecer no de sempre, no tradicional. A aceptación dos concertos de seu e o éxito da colaboración con Baiuca (o proxecto de folktrónica de Alejandro Guillán) tiña que ser referendada con outra produción. “Latexo” chega como confirmación e crecemento.

Confirman, xa desde a continuidade no deseño físico e no binomio voces e percusións, que non son un grupo de música tradicional, aínda que coñecemento non lles falte, comezando polo propio Xosé Lois Romero, que protagoniza a gran novidade. Se no primeiro disco revisaban temas tradicionais, en “Latexo” son só dous e a maioría, até sete, composicións súas. Completa a decena unha recreación de dous temas míticos do Milton Nascimento: “Ponta de Areia / Maria Maria”. Temos así un abano que nos leva desde as tradicionais “Muiñeira de Ons” e “Danza de Lampai” até esa recreación tribal e festeira tan africana. O álbum, ademais da espectacular conxunción de voces e ritmos, ofrece moito que apreciarmos, ben traballado e presentado. Hai mensaxe feminista e existencialista, de positivismo, de combatermos as penas, de amor e desengano, e mesmo un xogo case de trabalinguas (“Ana quere pan”) … e sempre co recendo a coplas tradicionais.

“Latexo” sae vitorioso do reto de que un grupo en principio cru ou minimalista, só de voces e percusións, poida soar coa variedade dunha banda con máis instrumentos e harmonías, que non resulte repetitivo ou aburrido. Cada tema ten personalidade de seu, coa forza das voces e a percusión enchoupándonos de matices e harmonías. Aliboria parten do folk galego, si, pero amosan unha tribalidade que non sabe de fronteiras grazas a un traballo de arranxos tan notábel que nos engancha gostemos de propostas africanas, latinoamericanas ou de calquera outra tradición, porque todas saen do máis dentro. A percusión tradicional está de sempre, non morreu e segue a funcionar. Ollo, programadoras de festivais.

Pepe Cunha, 13-maio-2020

AXENDA

Facebook