Xosé Constenla

Febreiro 27, 2016

nota:

O músico compostelán Xosé Constenla prepara a presentación do seu disco Virada por Avante nas cidades de Santiago de Compostela e Ourense. Farao con dous conciertos especiais, con actuacións nas que estará a compañado do produtor do disco, Fredi Marugán, ás guitarras; e polo pianista Javier Constenla.
A primeira actuación será o venres, 26 de febreiro, ás 21:30 horas na Casa das Crechas, en Santiago de Compostela. O xornalista e director de Praza Pública, David Lombao, fará a presentación deste concerto.
Xosé Constenla chegará a Ourense un día despois, o sábado 27 de febreiro, e o trío interpretará temas do novo disco en El Cercano. A presentadora será Marina Sánchez, xornalista e presentadora de Telemiño, e tamén se subirán ao escenario Pilar Martínez e Raúl Ben.
Estes dous concertos son un primeiro avance á presentación oficial do disco, que será nunha actuación con toda a banda no Salón Teatro, en Santiago de Compostela. Será o 12 de marzo ás 20:30 horas. Nesta ocasión, participarán o pianista Javier Constenla, Pablo Sanmamed no baixo e contrabaixo e Rober Vázquez na batería e percusións. Ás guitarras estará o produtor e arranxista do disco, Fredi Marugán. Para este concerto, xa se poden adquirir entradas na billeteira de Abanca (http://entradas.abanca.com/es/Detalle/Xose-Constenla-Virada-por-Avante).
Xosé Constenla levará artistas convidados a esta actuación, e ademais organizará unha festa postConcerto no Pub Albaroque para todos aqueles que adquiran unha entrada e remitan un correo electrónico a setestreloeditora@gmail.com, confirmando asistencia á mesma.
Virada por Avante é o cuarto disco do músico compostelán, integrado por once temas con grande influencia de folck rock americano e tamén da corrente iberoamericana de canción de autor.
É o álbum máis maduro, persoal e sofisticado de Constenla, que contou coa participación de Fredi Marugán, produtor e arranxista de recoñecido prestixio que como guitarrista ten acompañado a artistas como Serrat, Miguel Ríos, Luz Casal ou Ismael Serrano, entre moitos outros. Tamén colaboraron neste traballo artistas e técnicos tan recoñecidos como Javier Bergia e Óscar Herrador (Stateroom Studios).

AXENDA

20:30 h.
El Cercano, Ourense.