Xoel López veu demostrar no Teatro Jofre que “Atlántico”, o primeiro álbum asinado baixo o seu nome, é un paso firme na súa carreira. Non é casualidade que fixese un concerto longo (2 horas) para así repasar todas as cancións incluídas no mencionado disco e compracer tamén a quen aínda reciben mellor esas cancións da súa época como Deluxe. Isto notouse durante un concerto no que o coruñés saiu airoso no desexo de amosar as súas diferentes caras como compositor e intérprete. Se as cancións de “Atlántico” arrecenden a Latinoamérica co concepto de cantautor viaxante, as de Deluxe frecuentan máis as variantes do pop-rock e as de Lovely Luna un aire máis folk ou acústico.
O concerto comezou cun par de pezas de “Atlántico” e un son innecesariamente alto que agochaba a solvencia do vocalista e o entendemento das letras. Afortunadamente pouco despois a cousa se foi solucionando e até o final só nos molestou por momentos un teclado que si desentonaba con respecto dos demais instrumentos. O repertorio intercalaba con acerto pezas novas con antigas que Xoel presentaba con naturalidade e simpatía, especialmente as novas e as compostas para o seu proxecto Lovely Luna con Félix Arias, guitarrista nesta xira. Destas últimas, a revisión tropicalizada de “Parando el tráfico” non acabou de convencer, pero si o fixo unha “Yo ya te conoco” fiel ao disco. O primeiro subidón do público foi cun “Que no” que non gardou para o final senón para preparar a peza máis experimental da noite: “El asaltante de estaciones”, onde tirou de solos de rock ou percusións moi ao Santana. Este bloque máis rock pechouse de novo cunha Deluxe “Pájaros negros”.
Pasando de momentos máis acústicos ou con pouca instrumentación a outros de puro rock e electricidade, había tempo para que as percusións de Carlos Freire se luciran na fermosa “De piedras y arena mojada” ao igual que os coros de Félix na mencionada “Yo ya te conozco” ou os de David Quinzán en “Postal de Nueva York”. A esas alturas do concerto Xoel seguía manexando momentos máis celebrados ou recoñecidos (“Réquiem”), coas pezas máis logradas de “Atlántico”, caso dun “Tierra” sentado preto dun público ben receptivo a pesar da media entrada.
Para os bises entrou so cunha intimista “Quemas” e non tivo problema en manter a intensidade malia rematar con pezas recentes. O quid está en que estas son boas e que Xoel manexa moi ben os tempos do directo e o repertorio, Probablemente con Deluxe tivese mellores músicos, pero a banda que actualmente o acompaña é quen de transmitir un tratamento cálido e poñer as cancións nun primeiro plano. E aquí está agora a súa forza: no nivel compostivo das súas pezas recentes e a súa interpretación.
Pepe Cunha, 21-maio-2103
lista de cancións:
Caballero
Desafinando amor
Colillas en el suelo
Historia universal (el amor no es lo que piensas)
La gran montaña
Parando el tráfico
Joven poeta
Buenos Airres
Que no
El asaltante de estaciones
Pájaros negros
La boca del volcan
Reconstrucción (El mejor momento)
Los jóvenes mueren antes de tiempo
Rostro de actriz
Por el viejo barrio
Yo ya te conozco
Los días fríos
Réquiem (No fui yo)
Tierra
De piedras y arena mojada
Quemas
Postal de Nueva York
El cielo de Madrid
El amor valiente
Hombre de ninguna parte